publicidade hoxe

A obra de José Suárez exhíbese na Universidade de Salamanca con motivo da celebración do seu VIII centenario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Román Rodríguez na inauguración da exposición

Román Rodríguez na inauguración da exposición

A exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan exhíbese desde hoxe e ata o 8 de abril na Hospedería Fonseca, da Universidade de Salamanca, co gallo da celebración do VIII centenario desta institución senlleira, tras terse amosado en Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio e Nova Delhi.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado polos comisarios da exposición, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero, asistiu ao acto de inauguración que contou tamén coa consejera de Cultura e Turismo de Castilla y León, Josefa García Cira, e co reitor da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero.

Román Rodríguez trasladou a “honra” do Goberno galego de sumarse a “importante efeméride” da Universidade de Salamanca achegando, con esta exposición, a figura e a obra do fotógrafo galego José Suárez, “un dos grandes referentes fotográficos do século XX, non só en Galicia, ou en España, senón no ámbito internacional”.

Moi vinculado a Salamanca

Do mesmo xeito, incidiu no feito salientable de que José Suárez foi un artista “moi vinculado” a Salamanca, xa que foi unha cidade que marcou o fotógrafo de Allariz (1902-1974), na súa faciana persoal e tamén na súa obra. Así, lembrou que é onde marcha a estudar a carreira de Dereito, tendo unha actividade sindical destacada dentro da Federación Universitaria Estatal (FUE) durante a Ditadura de Primo de Rivera. Ao finalizar, ocupa no Ayuntamiento de Salamanca, dentro da asesoría xurídica, o posto de avogado, pero pronto deixará o mundo das leis polo da fotografía da que fará a súa propia profesión.
Na súa intervención, o conselleiro remarcou estes feitos significativos na biografía persoal e laboral do fotógrafo galego e sobre todo incidiu na “amizade” co intelectual e reitor da Universidade de Salamanca, Miguel de Unamuno, “ao que por certo –apuntou– capturou nun dos seus memorables retratos”.
Trátase dun retrato, realizado en 1934 nas proximidades de Salamanca, na paraxe de La Flecha e que, tal e como recordou Román Rodríguez, pasou á historia da fotografía española “tanto pola relevancia do personaxe, como pola mestría e dignidade coa que se capta ao xenial autor bilbaíno”.

Prologado polo pensador vasco

A estreita relación de José Suárez con Miguel de Unamuno ponse de manifesto tamén no feito de que, en 1932 o filósofo vasco foi o encargado de escribirlle o prólogo de 50 fotos de Salamanca, libro autoeditado cunha tirada de 120 exemplares e nos que as imaxes se reproducen en papel fotográfico.

O recoñecemento e admiración de José Suárez pola figura de Unamuno será unha constante explícita durante toda a súa vida. Así, no catálogo da exposición que en 1971 realiza no Museo Arqueolóxico de Ourense, e que será a última mostra que organice, reproduce, a título de homenaxe, un extracto do prólogo que o intelectual lle realizou en 50 fotos de Salamanca.

Román Rodríguez concluíu a súa intervención apuntando que con José Suárez. Unos ojos vivos que piensan a consellería de Cultura “continúa avanzando na recuperación do legado dos galegos que construíron na diáspora unha obra memorable”, en referencia á exposición que a Cidade da Cultura de Galicia coorganiza co Instituto Cervantes sobre outro fotógrafo galego Baldomero Pestana (Castroverde, 1917-2015), cuxa singular aportación non foi xustamente recoñecida no seu tempo. Esta mostra inaugurarase o 15 de febreiro en Madrid e chegará ao Museo Gaiás o 27 de abril.

Mostra itinerante desde 2015

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, inaugurada en 2015 na Cidade da Cultura de Galicia, é a maior realizada ata o momento sobre un dos grandes nomes da fotografía española do século XX. O artista de Allariz incorporou os movementos de vangarda europeos, intelectual amigo de destacados escritores —como o citado Unamuno, pero tamén Alberti, Ayala, Casarón ou Bergamín— e creador comprometido que viviu no exilio durante máis de dúas décadas.

A mostra xa ten un importante percorrido polo mundo, en parte grazas á colaboración da Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, que xa acolleu a mostra nas súas sedes de Madrid, París, Toquio e Nova Delhi, cidades todas fundamentais na traxectoria vital do fotógrafo galego, como Montevideo e Bos Aires, onde tamén se amosou. Con este plan de itinerancia, a Consellería de Cultura e Educación procura restituír a obra de José Suárez, quizais o fotógrafo galego máis universal, ao lugar que lle corresponde na historia da arte.

135 fotografías ordenadas segunda as tres etapas vitais

Na Universidade de Salamanca exhibiranse un total de 135 fotografías -ordenadas en varias series- así como máis dun centenar de documentos e publicacións. Nas vitrinas poderán verse libros e revistas onde apareceron as súas fotos, recensións, escritos, etc. que permiten contextualizar as fotografías e mostrar algunhas das que non se conserva nin copia nin negativo (como é o caso das publicadas no artigo Mariñeiros da revista Cinegraf). A exposición complétase con varias montaxes audiovisuais (en pantallas de plasma e tabletas) e unha serie de retratos de intelectuais —como o icónico de Miguel de Unamuno— e artistas aos que coñeceu ao longo da súa vida.

12 de febreiro de 2018 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.