publicidade hoxe

A Escola de Cantería participa na Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPontevedra
A-
A+

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está sendo unha das protagonistas da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas onde as mozas e os mozos que acoden poden coñecer de primeira man a oferta formativa deste centro educativo da institución provincial. Representantes da escola están dando a coñecer as ensinanzas que o centro oferta, é dicir, os títulos de Canteiro e Canteira e de Mestre Canteiro e Mestra Canteira ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro e segundo de bacharelato da comarca. Para acadar estes títulos, ademais de recibir formación para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construcción, así como prácticas de laboratorio e informática.

A formación que recibe o alumnado é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de España ademais de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar en obras emblemáticas como o Capitolio de Washington, a restauración do Chiado de Lisboa, na Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou na Catedral de Westminster, en Londres.

Xunta á Escola de Cantería, participan tamén na Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas o Conservatorio de Música de Vigo, a Escola de Música Mayeusis, o Colexio Marcote, a Escola de Moda Goymar de Vigo, Sanitec Vigo, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo, a Escola Técnica de Xoiería de Vigo, o Centro de FP de Salvaterra de Miño, o Centro de Formación Profesional A Cancela, o Centro de Formación Profesional Pedra da Auga de Ponteareas, o Centro de Formación Profesional As Neves e CIFP Manuel Antonio de Vigo.

6 de febreiro de 2018 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.