publicidade hoxe

A directora de Turismo de Galicia recibiu en Avilés o premio Comensal de Honra Álvaro Cunqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Nava Castro recibindo o galardón

Nava Castro recibindo o galardón

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe en Avilés o premio Comensal de Honra Álvaro Cunqueiro, outorgado pola sociedade galaico-asturiana Gastrónomos do Yumay en recoñecemento ao traballo levado a cabo pola Comunidade galega no eido do turismo gastronómico, onde é xa o segundo motivo polo que os turistas visitan Galicia.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, Nava Castro puxo de manifesto a importancia de elementos diferenciadores como a gastronomía para a proxección turística conxunta do norte peninsular. Neste sentido referiuse aos estreitos vínculos entre Galicia e Asturias que, como avanzou, están a traballar xa na posta en marcha de experiencias turísticas conxuntas ao abeiro da marca España Verde e da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE), ás que ambas pertencen.

Ambas alianzas, que se están a consolidar como eficaces ferramentas para o impulso conxunto dos territorios que as integran, inclúen a posta en marcha de iniciativas turísticas que toman como base desde o turismo mariñeiro, de surf, de compras, os seus Patrimonios Mundiais, o Camiño de Santiago ou mesmo a cultura gastronómica de ambos territorios.

Cociña tradicional e vangardista

Como nova Comensal de Honra Álvaro Cunqueiro, Nava Castro fixo extensivo este recoñecemento aos milleiros de profesionais que traballan desde Galicia para que a gastronomía galega continúe sendo quen de atraer cada vez a máis viaxeiros durante todas as épocas do ano, tanto nos 11 restaurantes Estrella Michelin, nos 22 Bid Gourmand, nos 37 soles Repsol dos 25 locais de restauración que os ostentan como nas tradicionais casas de comidas, polbeiras, marisquerías ou nos máis de 50 restaurantes que teñen acreditada a súa excelencia culinaria co selo Q de Calidade que así o certifica.

Galicia conta, ademais con máis de 300 festas gastronómicas que demostran que calquera momento é bo para gozar da cociña popular, cinco delas, a Festa do Polbo, no Carballiño; a Festa do Albariño, en Cambados; a Feira do Cocido, de Lalín; a Festa da Exaltación do Marisco, en O Grove, e a Festa da Lamprea, en Arbo, teñen a distinción de Festa de Interese Turístico Nacional.

5 de febreiro de 2018 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.