publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación promove a XXI Feira do Butelo na que se comercializarán 10 toneladas deste embutido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaAxenda e CulturaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a XXI Feira do Butelo, que se celebrará esta fin de semana na Fonsagrada. O Goberno da Deputación é a única administración que colabora co Concello da montaña lucense na organización deste evento gastronómico, cunha achega de 6.000 euros, para promover os produtos autóctonos e dinamizar a actividade e a economía do rural lugués.

Campos Conde subliñou que “dende o Goberno da Deputación entendemos que a organización de citas gastronómicas como a Feira do Butelo é fundamental para dinamizar a actividade económica, social e cultural da nosa provincia. Este evento favorece a xeración de riqueza non só os días propios da feira, senón que estimula tamén o volume de vendas dos negocios locais e hostaleiros, neste caso da zona da Fonsagrada e da Comarca da Montaña”.

O Presidente engadiu que “trátase dun evento consolidado, que xa o ano pasado bateu récords de participación. Deste xeito agardamos que esta fin de semana, asistan máis de 5.000 persoas, realizándose a venta de 10 toneladas de butelo, a un prezo que roldará entre os 9 e 10 euros o quilo, o que supón un volume de negocio próximo aos 100.000 euros”.

65 expositores na feira

Nesta edición da Feira do Butelo reuniranse 65 expositores no recinto nos que, ademais de ofrecer o butelo, estarán dispoñibles outros derivados cárnicos, como embutido, carnes curadas ou produtos salgados. Poderanse atopar tamén nos stands outros alimentos, como pementos, doces, queixos e viño, este último concretamente das bodegas de Negueira de Muñiz. Ademais de produtos cárnicos e alimenticios, na feira haberá tamén postos de artesanía tradicionais, nas que traballan profesionais do coiro, minerais, cerámica, xoiaría ou vidro de distintos puntos de Galicia e da Península.

Durante a feira tamén haberá actuacións musicais. Así, o grupo de música tradicional da Fonsagrada Antaruxas e Sorteiros e Illa Pancha amenizarán o evento con música en directo. Por outra banda, farase a entrega do galardón Butelo de Ouro, no Salón de Plenos do Concello, que este ano recibirá o ferreiro, Oliverio Álvarez López.

1 de febreiro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.