publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra dá o “pistoletazo” de saída ao programa “DepoIntegra xove” na comarca de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

Este martes, 27 de febreiro, ás 11 horas na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, terá lugar a xornada informativa para dar a coñecer o programa “DepoIntegra xove” da institución provincial. Esta administración destina a o proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de integrar no mercado de traballo á mocidade da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación. Deste xeito, preténdese a integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos no contexto do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, así como das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social.

A xornada achegará información completa de “DepoIntegra xove” ás veciñas e veciños da comarca de Vigo que así o desexen. Tamén se aproveitará para a captación das persoas interesadas en participar no mesmo xa que a Deputación abriu o prazo para que as mozas e mozos que desexen formarse a través de “DepoIntegra xove” presenten a súa solicitude.

Máis polo miúdo, na xornada de Vigo falarase dos obxectivos do programa, das persoas destinatarias do mesmo, das formacións e itinerarios que se ofertan, que na comarca de Caldas serán doce: “Servizos de bar e cafetería”, de nivel 2, con 640 horas e que se estenderá durante 6,5 meses; “Actividades auxiliares de comercio”, de nivel 1, con 270 horas e unha duración de 2,5 meses; “Actividades auxiliares de almacén”, de nivel 1, con 210 horas e unha extensión de 2,5 meses; “Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web”, de nivel 3, con 590 horas e unha duración de 5,5 meses; “Sistemas de xestión de información”, de nivel 3, con 590 horas e que se estenderá durante 5,5 meses; “Programación con linguaxes orientadas a obxectivos e bases de datos relacionais”, de nivel 3, con 710 horas e unha duración de 7,5 meses; “Programación en linguaxes estruturadas de aplicación de xestión”, de nivel 3, con 700 horas e unha extensión de 7 meses; “Operacións en sistemas de comunicación de voz e datos”, de nivel 2, con 550 horas e unha duración de 5,5 meses; “Recepción en aloxamentos”, de nivel 3, con 630 horas e unha extensión de 6,5 meses; “Actividades de venda”, de nivel 2, con 590 horas e que se estenderá durante 5,5 meses; “Marketing e compravenda internacional”, de nivel 3, con 750 horas e unha duración de 7,5 meses; e “Dinamización de actividades de tempo libre educativo e xuvenil”, de nivel 2, con 310 horas e unha extensión de 3,5 meses.

Ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. “DepoIntegra xove” tamén ofrecerá ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.

Os itinerarios formativos arrancarán o vindeiro mes de marzo e levaranse a cabo ao longo de todo o ano 2018 polas comarcas do Baixo Miño, Caldas, Deza, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo.

26 de febreiro de 2018 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.