publicidade hoxe

A Deputación da Coruña remata as obras de recuperación da Casa de Man en Camelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCamariñasLocal Portada
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de completar as obras de rehabilitación e mellora da Casa de Man en Camelle (Camariñas), que foron cofinanciadas pola institución provincial cunha achega de 19.992,34 euros.

Os traballos incluíron a limpeza do interior da caseta, que se atopaba recuberta de terra e material orgánico e na recuperación dos ocos traballados que serviron de apoio a outros materiais, principalmente madeiras, que serviron de apoio ás pezas artísticas do imaxinario de Man, que conformaba a estancia.

Tamén se levou a cabo o selado das gretas existentes, a reparación do forxado da cuberta, o pintado do teito, a reparación da estrutura de formigón e a reposición dos vidros, entre outras actuacións que teñen como obxectivo recuperar a Casa de Man e contribuír á conservación do seu legado artístico, cargado dun simbolismo amplamente coñecido na Costa da Morte.

A casa de Man forma parte dun contexto que está no imaxinario colectivo de toda a provincia. Un legado deste artista alemán que se asentou ao carón do mar, no extremo norte da vila de Camelle (Camariñas), e comezou, a finais dos anos 60, o desenvolvemento dunha actividade artística en directa interacción coa natureza.

Como centro dese museo, en constante evolución, construíu unha pequena caseta coa axuda dos veciños, onde vivía, traballaba e gardaba os seus obxectos máis valiosos. Este pequeno inmoble é o que agora vén de ser rehabilitado coa colaboración económica da Deputación.

Man morreu no 2002 despois de que a súa vivenda e a súa obra artística se vira gravemente afectada polo desastre do Prestige. En 2009, redactouse unha proposta para a declaración do museo como Ben de Interese Cultural. En 2012, o Museo de Man foi catalogado como un ben patrimonial polo concello de Camariñas.

26 de febreiro de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.