publicidade hoxe

A Deputación da Coruña recupera a memoria das mulleres pioneiras no deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Dar visibilidade ás primeiras deportistas, descubrir as súas historias e logros, crear referentes para as novas xeracións e desvelar unha historia silenciada son algúns dos obxectivos do libro Pioneiras do deporte en Galicia, de Cristina López Villar que hoxe presentou xunto coa deputada de Igualdade Ánxela Franco.

A deputada responsábel da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco e a autora, Cristina López, presentaron está maña o libro “Pioneiras do deporte en Galicia”, editado pola Deputación da Coruña. O traballo de investigación realizado por Cristina López Villar, rescata do esquecemento as mulleres galegas que foron precursoras nas distintas modalidades deportivas practicadas en Galiza.

O acto de presentación serviu para dar a coñecer as principais características dunha obra que achega e ilustra as experiencias das primeiras mulleres galegas que abriron camiño no eido deportivo galego.

Tras sete anos de investigación, nos que Cristina López Villar analizou diferentes fontes históricas, xunto cos testemuños dalgunhas das protagonistas, a autora presenta a historias contemporánea do deporte feminino galego co obxectivo de “darlle visibilidade a moitas mulleres anónimas que contribuíron a reivindicar novas prácticas e novos espazos para as mulleres”.

A autora subliñou que “as historias das protagonistas do libro merecen un recoñecemento social” e lamentou que na actualidade “aínda continúen a existir barreiras e obstáculos para as mulleres nas prácticas deportivas”.

Con prólogo da pedagoga deportiva, Benilde Vázquez, e dividida en seis capítulos, a obra percorre a participación feminina no deporte galego dende finais do século XIX, diferenciando entre prácticas deportistas elitistas, democratizadoras e emancipadoras e, finalmente, transgresoras. Presentando, do mesmo xeito, os clubes e asociacións deportivas que foron pioneiras en Galicia.

“Aínda que nos fagan invisíbeis as mulleres estamos aí, construíndo a historia” concluíu.

Pola súa parte, a responsable da área de Igualdade, Ánxela Franco incidiu en que “o deporte vai moito máis alá da actividade física e, no caso das mulleres, tamén é unha conquista social”.

Así mesmo, gabou o traballo realizado por López Villar ao dar “a coñecer e recoñecer o deporte feminino galego”, e sinalou que a obra pasa a integrar o conxunto de iniciativas implementadas recentemente pola institución con este obxectivo, como foron o documental “Contra os elementos”, ou o actual programa de video-forums “Conquista os elementos”.

22 de febreiro de 2018 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.