publicidade hoxe

A Consellería de Cultura investirá 225.000 euros na restauración das fachadas da igrexa de San Vicente do Pino, en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará case 225.000 euros á restauración das fachadas da igrexa do Mosteiro de San Vicente do Pino, unha intervención cuxa licitación se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

O obxectivo da actuación é resolver os problemas derivados das filtracións de auga existentes a través dos muros das fachadas e carpinterías e que provocan, ademais de humidades, a proliferación de abundante vexetación e colonización biolóxica espallada polas fachadas exteriores.

Para iso limparanse as fábricas de cachotería e cantería e renovaranse as xuntas en mal estado; impermeabilizaranse as cornixas, repisas e contrafortes e aplicarase un novo revoco con morteiro de cal nas fachadas exteriores, con posterior pintado con pintura de cal. Ademais, restauraranse as carpinterías exteriores de portas e fiestras e realizarase unha adecuación funcional da escaleira da portada da fachada sur, entre outros traballos.

A Igrexa de san Vicente do Pino iniciouse en 1539 rematándose as obras no ano 1600. O seu estilo predominante é o gótico decadente, presente nas súas bóvedas nervadas. Ten planta de cruz latina con nave principal de tres tramos e posúe un coro alto e tres ábsidas cuadrangulares. No seu interior atopamos o Retablo Maior do século XVIII atribuído ao entallador coñecido como Mil Bienes e outros sete retablos repartidos polas naves e brazos do cruceiro. Destacan, no interior do templo, tanto as pinturas murais como as vidreiras artísticas, un dos poucos exemplos existentes en Galicia, que datan probablemente de finais do século XIX.

O mosteiro de san Vicente do Pino é un ben catalogado e pertence ao Conxunto histórico de Monforte de Lemos, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

14 de febreiro de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.