publicidade hoxe

A Consellería de Cultura investirá 200.000 euros na rehabilitación da igrexa de Donramiro, en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a licitación das obras de rehabilitación da igrexa de Santa María de Donramiro, en Lalín, por un importe de 176.708,71 euros. O obxectivo da intervención pasa por cambiar a actual cuberta por unha nova, recuperando así a imaxe orixinal do templo que se viu desvirtuada coa intervención realizada no século XX, cando se mudou a antiga cuberta de madeira da nave por unha bóveda de ladrillo.

En concreto, o prazo de execución dos traballos será de catro meses. As actuacións previstas pasan pola demolición da cuberta actual, incluída a bóveda de ladrillo do século pasado, co fin de executar unha nova cuberta en madeira de castiñeiro, o que favorecerá a recuperación da imaxe orixinal da igrexa. Así mesmo, tamén se desmontarán as cubertas da cabeceira, aproveitando a estrutura de madeira que se atope en bo estado. O acabado será de tella curva sobre placas de fibrocemento gran onda.

Ademais, tamén se tratará a madeira fronte aos xilófagos, procederase á restauración da tribuna do coro substituíndo as táboas de piñeiro por outras de castiñeiro similares ás existentes, renovarase a instalación eléctrica, acometerase o repicado de morteiros de cemento de muros e pavimento interior para a súa substitución por morteiro de cal, e executarase a drenaxe perimetral na zona da cabeceira.

Cómpre lembrar o compromiso da Consellería con esta obra, xa avanzado hai meses polo conselleiro, Román Rodríguez, nunha xuntanza mantida co párroco do templo, Marcos Torres.

20 de febreiro de 2018 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.