publicidade hoxe

A Agadic inicia no festival de Clermont-Ferrand a difusión exterior do novo catálogo ‘Shorts from Galicia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Shorts from Galicia, a marca da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a promoción exterior de curtametraxes, volve estar presente este ano no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia), o principal encontro internacional para os profesionais que se dedica á produción, difusión e distribución deste formato audiovisual.

A 33ª edición do mercado francés, que se desenvolve desde hoxe e ata o xoves, sinala o inicio da difusión do catálogo Shorts from Galicia 2018, cunha escolma de seis traballos: Buenos días, España, de Sara Pisos; Matria, de Álvaro Gago; Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; La mujer invisible, de Noemi Chantada; El reloj, de Borja Santomé; e Rapa das bestas, de Jaione Camborda.

Sección internacional

No caso de Matria, título que acaba de recibir o gran premio do xurado á mellor curta no Sundance Film Festival, foi seleccionado así mesmo no de Clermont-Ferrand para competir dentro da súa sección internacional.

En canto ao mercado do festival, o audiovisual galego volve contar cun espazo propio dentro do stand paraugas coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e compartido con outros organismos autonómicos e entidades de Andalucía, Madrid, Canarias, Comunidade Valenciana, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.

Desde este espazo estase a difundir entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) a nova edición do catálogo Shorts from Galicia, así como o vídeo promocional de 2018. As seis curtametraxes que lle dan forma foron elixidas por unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron medio cento de traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual.

O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos encontros profesionais nos que o cinema galego conta con representación este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic desenvolve anualmente co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Este calendario feiral inclúe tamén o European Film Market de Berlín (Alemaña), que se celebrará a partir do vindeiro día 15 en paralelo á Berlinale.

5 de febreiro de 2018 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.