publicidade hoxe

Xunta e Concello de Gondomar analizan o proxecto para mellorar a seguridade na estrada PO-331, ao seu paso por Vincios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, mantivo hoxe encontros de traballo co alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e con representantes veciñais para analizar o proxecto de mellora de seguridade na estrada PO-331, en Vincios.

Este proxecto, que se atopa no trámite de información pública, está enmarcado na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas mediante a execución de 40 actuacións en 90 km, cun investimento de 12,3 millóns de euros, case 5 para a comarca de Vigo.

Menéndez destacou a importancia de acadar solucións consensuadas co municipio co obxectivo de combinar a seguridade viaria e a funcionalidade, mellorando así a calidade de vida dos veciños do concello e usuarios da estrada. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas analizará a incorporación ao proxecto das suxerencias relacionadas coas interseccións e os xiros á esquerda que hoxe se abordaron nas xuntanzas.

O obxecto do proxecto é a formulación de actuacións puntuais coas que evitar ou reducir a accidentalidade nun treito da PO-331, identificado como tramo de concentración de accidentes, situado no Concello de Gondomar.

As actuacións previstas desenvolveranse entre a saída da primeira glorieta do polígono da Pasaxe e a rotonda de intersección coa PO-341, en Vincios.

Os traballos consistirán na execución dunha glorieta no Pq. 12+250, mellorando o acceso principal do polígono. A súa construción permitirá restrinxir os xiros á esquerda dende a PO-331 cara a autoestrada, que se realizarán no glorieta.

Reordenarase o aparcadoiro nas marxes da estrada ao seu paso polo polígono e construiranse beirarrúas que melloren a continuidade dos itinerarios peonís e executaranse dous cambios de sentido, un no Pq. 13+040 e outro no Pq. 14+050, co fin de realizar os xiros en condicións seguras.

O proxecto tamén contempla a mellora doutras interseccións mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada. Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade e revisarase a sinalización horizontal e vertical e o balizamento.

31 de xaneiro de 2018 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.