publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 22 rapaces de Santiago poderán pasar catro días na estación de Cabeza de Manzaneda

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou a quinta edición da Campaña de Inverno 2018 da Deputación da Coruña, que permitirá a 22 rapaces e rapazas de Santiago (nados/as entre 2003 e 2007) gozar de catro xornadas na estación invernal de Cabeza de Manzaneda do 9 ao 12 de marzo. O prazo de inscrición remata o martes 16 de xaneiro.

Ao Concello de Santiago fóronlle asignadas 22 prazas nesta edición da Campaña, pertencentes á quinta quenda do programa. Os/as participantes composteláns/ás estarán en Manzaneda do 9 ao 12 de marzo xunto con outros rapaces e rapazas dos municipios de Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val Do Dubra e Vedra.

A duración da activade será de 4 dias, de xeito que os/as participantes entrarán na estación o venres pola mañá e a sairán o luns despois da comida. Esta proposta inclúe o transporte, estadía e manutención na estación invernal, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

Para poder acceder ás prazas do Concello de Santiago haberá que estar empadroado (farase a oportuna comprobación no padrón de habitantes) e presentar a ficha de inscrición debidamente cuberta en calquera dos rexistros do Concello: Rexistro Xeral (rúa do Presidente Salvador Allende, 4 Baixo – Galeras) ou Rexistro Auxiliar do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16 – Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche). A data límite de presentación de solicitudes é o martes 16 de xaneiro.

Terán preferencia os/as rapaces/as que non foran a ningunha campaña da neve da Deputación. No caso de haber máis solicitudes ca prazas, realizarase un sorteo público ante o secretario do Concello para a adxudicación das mesmas.

Os/as adxudicatarios/as das prazas terán que aboar a cota de inscrición de 85 € e completar a documentación necesaria para a inscrición oficial que establece a Deputación: foto tipo carné, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotocopia do carné de identidade ou do libro de familia, copia do aboamento da cota de inscrición e, no caso de que o neno/a tivese tratamento ou doenza que teña que ser tido en conta, achegarase certificado médico asinado por facultativo/a (de igual xeito, no caso de medicación específica ou alerxia alimentaria ou doutro tipo).

9 de xaneiro de 2018 | 17:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario