publicidade hoxe

Tahoces destaca a importancia do sector dos áridos en Galicia e a necesidade de que se anticipe aos retos do futuro

Presentación do V Congreso Nacional de Áridos 2018

Presentación do V Congreso Nacional de Áridos 2018

O sector dos áridos debe anticiparse con intelixencia aos retos de futuro, así o asegurou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a presentación do V Congreso Nacional de Áridos 2018, que se celebrará en Santiago de Compostela do 24 ao 26 de outubro.

Baixo o lema Comprometidos coa sociedade, a xornada terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións co obxectivo de abordar o presente e futuro do sector, centrándose especialmente no labor de divulgación para dar a coñecer á sociedade a importancia estratéxica da actividade de produción de áridos, así como potenciar a súa sustentabilidade e o compromiso coa economía circular.

Na presentación, o director xeral destacou que se trata da industria extractiva máis importante de Galicia tras as rochas ornamentais, polo que é unha actividade a ter en conta para o desenvolvemento económico e social da Comunidade.

Por outra parte, o director xeral animou ao sector a anticiparse ao futuro diversificando a súa produción tamén cara aos áridos artificiais, xa que as administracións están a impulsar medidas para mellorar a xestión dos residuos da construción e das demolicións, así como o consumo de áridos reciclados ou artificiais. Tamén se referiu á necesidade de seguir traballando na protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a determinados axentes e así adaptarse aos cambios e valores que esixirá a Unión Europea no prazo de dous anos.

Bernardo Tahoces tamén fixo fincapé na necesidade de abordar a estrutura empresarial do sector para equiparar o tamaño medio das empresas galegas ás do resto de Europa para garantir o seu futuro, así como o seu papel clave na protección do medio ambiente: “Calquera proposta empresarial que non se oriente á excelencia medioambiental está destinada ao fracaso”, afirmou.

31 de xaneiro de 2018 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.