publicidade hoxe

Santiago participará nun seminario sobre a xestión do Patrimonio Mundial en Salamanca

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e a Universidade de Salamanca organizarán do 22 ao 24 de xaneiro un seminario co título “A xestión do Patrimonio Mundial. As Cidades Patrimonio da Humanidade de España”. Santiago de Compostela estará representada neste encontro, que se enmarca na programación do VIII centenario da Universidade de Salamanca e que conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e o Concello de Salamanca.

Nas sesións de traballo participarán representantes da Unesco, da área de Patrimonio Mundial do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e da Xunta de Castela e León. Ademais, intervirán concelleiros e técnicos especialistas das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, da cidade de Florencia (Italia) e de colectivos sociais e culturais como Boamistura ou ZOES.

A matrícula é gratuíta e a inscrición debe realizarse a través do Centro de Formación Permanente da Universidade de Salamanca. Expedirase certificado de asistencia. Dirixido a técnicos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, comunidade universitaria en xeral e profesionais do sector.

A Unesco incluíu na Lista do Patrimonio Mundial 46 lugares e bens do territorio español e, de forma significativa, 15 conxuntos urbanos cun valor universal excepcional polas pegadas culturais herdadas e o valor dos seus trazos inmateriais. As tramas urbanas e o imaxinario colectivo que encerran, constitúen un patrimonio fráxil ás agresións e vulnerable á banalización cultural debido ás múltiples presións que soportan. A xestión destes espazos complexos no presente e de fronte ao futuro encerra múltiples retos e desafíos para os técnicos e profesionais que traballan en conseguir harmonizar de forma equilibrada e sustentable a conservación coa mellora da calidade de vida da poboación local residente e as sinerxias que provoca no desenvolvemento das actividades económicas.

Por este motivo, os obxectivos deste Seminario encamíñanse a dar visibilidade ante a sociedade en xeral aos diversos impactos que sofren as cidades e, doutra banda, analizar e avaliar as liñas estratéxicas que se seguen na xestión diaria das mesmas nas áreas de turismo, da conservación do patrimonio e da economía, todo iso dende a perspectiva da función social que debe desempeñar este rico patrimonio cultural. En definitiva, as reflexións e conclusións resultantes dos espazos de debate queren enriquecer e contribuír á xestión creativa, intelixente e sustentable das 15 cidades españolas recoñecidas como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/ Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

9 de xaneiro de 2018 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.