publicidade hoxe

Os traballos de restauración na igrexa de Vilar de Donas buscan preservar “as mellores pinturas murais góticas de Galicia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPalas de ReiPortada dereita
A-
A+
Balseiro na visita á igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

Balseiro na visita á igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei, co obxecto de coñecer de primeira man os traballos de restauración que a Xunta acomete neste monumento co obxecto de preservar as que están consideradas “como unha das mellores pinturas murais góticas de Galicia”.

Balseiro estivo acompañado durante a visita polo alcalde da localidade, Pablo Taboada, polos responsables técnicos da execución destas obras e por varios veciños da zona, que lembraron que a importancia das pinturas que este templo acolle levou aparellada á súa declaración como Monumento Histórico Artístico xa no ano 1931 e a incorporación da igrexa ao catálogo de Bens de Interese Cultural (BIC) da Xunta de Galicia.

Restauración do conxunto mural e aplicación de biocidas

As obras contan cun orzamento de 124.200 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e contan cun prazo de execución que se prolongará, como mínimo, nos próximos oito meses.

As tarefas de restauración están centradas nas pinturas murais da ábsida –xa que con anterioridade xa se acometeu a recuperación da epístola- e na aplicación de tratamentos preventivos que eviten o deterioro destes murais policromados.

De xeito complementario, prevese a intervención nos paramentos interiores, que inclúe un estudo da colonización biolóxica, a aplicación de tratamentos biocidas por toda a superficie: nave, cruceiro e capelas ou absidiolos.

Os traballos a executar inclúen tamén un estudo histórico artístico deste espazo, o control das condicións de humidade e temperatura, concienciudas análises dos distintos soportes pétreos e a eliminación de morteiros e concrecións alleos á obra. Sen esquecer, claro está, as obras de consolidación, reposición e control que se estimen acaídas

Por último, o proxecto de intervención inclúe a elaboración dun informe final que incorpora unha descrición técnica minuciosa dos traballos executados e pasos que se deron, unha cartografía sistematizada de gran interese para a posta en valor do centro e unha proposta final coas intervencións que se estimen acaídas desde o punto de vista técnico para o mantemento e conservación preventiva dos murais e doutros espazos restaurados.

Visita virtual na web de Turismo de Galicia

Balseiro rematou lembrando que a páxina web de Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5396/igrexa-monacal-de-san-salvador-de-vilar-de-donas?langId=es_ES incorpora a posibilidade de facer unha visita virtual desta igrexa e comprobar a inmensa riqueza patrimonial que atesoura, pois non deixa de ser un dos monumentos que mellor exemplifican o románico galego no Camiño de Santiago e de feito, é un templo de referencia, para visitantes e peregrinos das rutas xacobeas do Camiño Francés e do Primitivo

11 de xaneiro de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.