publicidade hoxe

Os Premios Mestre Mateo do audiovisual contarán coa colaboración da Xunta para a súa 16ª edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración. Foto: X. Crespo

Sinatura do convenio de colaboración. Foto: X. Crespo

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) renova en 2018 o seu apoio á Academia Galega do Audiovisual (AGA) cara á organización dos Premios Mestre Mateo e dunha serie de actividades paralelas que buscan reforzar o papel destes galardóns como plataforma de proxección social da industria galega do cinema e da televisión.

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Ares, presidente da Academia, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo, que este ano chegan á súa 16ª edición. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, prevista para inicios do vindeiro mes de marzo.

Ademais desta cerimonia, o programa de actividades complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.

No documento subscrito hoxe, recoñécese o papel desta convocatoria á hora de lles dar unha maior visibilidade social aos traballos audiovisuais galegos estreados durante 2017. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocan 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais, ademais dos premios honoríficos Fernando Rey, José Sellier e Chano Piñeiro.

No mesmo convenio, recoñécese o labor da Academia Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “supoñen unha magnífica oportunidade para obter anualmente unha panorámica xeral do audiovisual galego”.

11 de xaneiro de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.