publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O titular da Xunta participa na presentación da Granxa A Esperanza en San Sadurniño

O titular da Xunta na visita á cooperativa

O titular da Xunta na visita á cooperativa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector lácteo a seguir apostando por crear valor engadido e continuar así incrementando a facturación dun sector que en 2017 superou os 775 millóns de euros, un 9% máis que no ano anterior.

Durante unha visita esta mañá á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G., onde asistiu á presentación da Granxa A Esperanza en San Sadurniño, Feijóo incidiu na necesidade de seguir diversificando o sector e desenvolvendo novos produtos, que permitan responder á evolución do mercado lácteo e satisfacer as novas demandas dos consumidores.

Nesta liña, destacou o traballo dos gandeiros das 41 cooperativas que forman Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G. e que, lonxe de conformarse con seguir producindo e envasando leite, decidiron, a través da innovación –con novas técnicas de produción- e da formación, explorar novas vías de negocio como a cadea Bico de Xeado.

Se ben aseverou que os prezos do leite aínda non son os desexados, o titular da Xunta resaltou que en 2017 os prezos seguiron recuperándose, chegando a unha media de 32 céntimos por litro de leite, un 7,74% máis que ao inicio da lexislatura e un 11,5% máis que hai dous anos. E lembrou, ademais, que a produción de leite creceu o ano pasado un 5,67%, consolidándose a Comunidade galega como o primeiro produtor a nivel español.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que, como consecuencia da recuperación económica entre 2017 e 2018, estanse a poñer en marcha proxectos por valos superior a 200 millóns de euros para transformar produtos agroalimentarios dos cales máis dun terzo corresponden ao sector lácteo e nos que a Xunta está a participar cunha achega de máis de 50 millóns de euros.

Nesta liña, referiuse, a modo de exemplo, a proxectos como a gran planta de transformación que está a construír Goodleit en Curtis; a nova liña de produción de queixos de Entrepinares en Vilalba; ou a ampliación da planta de Leche Celta en Pontedeume para elaborar leite pasteurizado.

Así mesmo, destacou as máis de 1.300 axudas aprobadas polo Goberno galego para mellorar as explotacións e garantir a imprescindible remuda xeracional, cun investimento total máis de 52,7 millóns de euros. “Deste xeito, máis de 460 mozos incorporáronse á actividade agraria; 700 persoas realizaron investimentos nas súas empresas co apoio da Xunta e máis de 150 titulares de pequenas explotacións recibiron 15.000 euros para realizar melloras nas súas granxas”, precisou, ao que engadiu outras iniciativas como as destinadas a apoiar o uso conxunto de instalacións e equipamentos agrarios.

Comprometidos coa xeración de emprego

Por último, Feijóo salientou que a confianza nas posibilidades actuais e futuras do medio rural galego queda reflectida tamén nos datos do paro, que caeu en 2017 un 15,81% no sector da agrario, case seis puntos por riba da caída global do desemprego.

Uns datos que, de xeito global, ofrecen a conclusión inequívoca de que a economía galega segue consolidándose, ao terse pechado 2017 con menos desemprego que o que rexistraba cando rematou 2008. “Levamos cinco anos consecutivos baixando o paro e o obxectivo de 2018 volve ser a creación de emprego, de 17.500 novos empregos, para poder chegar a final de ano coa taxa de paro no 14%”, dixo, incidindo na necesidade de seguir apostando pola internacionalización, a formación e a innovación e atraendo novos investimentos.

9 de xaneiro de 2018 | 15:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.