publicidade hoxe

O presidente da Xunta abre vías de colaboración co sector da automoción en Israel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na reunión en Mobileye

O presidente galego na reunión en Mobileye

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comezou esta mañá o segundo día da súa viaxe a Israel visitando as instalacións de Mobileye, unha empresa tecnolóxica punteira que lidera o sector da automoción no país, onde presentou os avances de Galicia no eido da condución autónoma e abriu vías de colaboración co sector da automoción en Irsael, punteiro en innovación tecnolóxica a nivel mundial.

Xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o director xeral do CTAG, Luis Moreno Diéguez, e da delegada do Estado da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, Feijóo tivo ocasión de coñecer a traxectoria desta multinacional, dos proxectos nos que traballa actualmente e dos seus retos de futuro; así como mostrar a aposta que Galicia está facendo polo vehículo autónomo e por innovar na industria da automoción, co compromiso do Goberno e das principais empresas e centros de coñecemento.

Nesta liña, Feijóo subliñou a colaboración do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia co grupo PSA no coche autónomo, lembrando que a primeira viaxe dun coche destas características que se realizou en España saíu da factoría de Balaídos, en Vigo. “O que acredita que a innovación en Galicia no sector da automoción vai un paso por diante doutras comunidades e que queremos seguir consolidando”, abundou.

Así mesmo, destacou o esforzo da Xunta que, como Goberno autonómico, está centrado en reproducir esta tendencia en todos os sectores, referíndose, como exemplo, á posta en marcha do Plan Innova que mobilizará ata 2020 preto de 1.800 millóns de euros.

Feijóo resaltou, ademais, que Galicia é líder na produción de vehículos comerciais en España –o segundo produtor europeo, despois de Alemaña-; de que 10 de cada 100 vehículos fabricados en España o son en Galicia; e de que os modelos de automóbiles que se comercializan no mundo polas marcas máis importantes utilizan compoñentes fabricados na Comunidade.

O presidente da Xunta fixo fincapé na oportunidade que supón esta xuntanza con Mobileye para coñecer de primeira man a tecnoloxía máis avanzada neste sector, e para invitar os representantes da compañía a visitar o sector galego da automoción e o CTAG, co obxectivo de avaliar posibles vías de colaboración en I+D. Non en van, Mobileye conta co laboratorio máis avanzado en tecnoloxía para o coche autónomo e a seguridade do condutor e o cidadán.

Mobileye é, na actualidade, líder mundial no desenvolvemento de visión artificial e aprendizaxe automático, análise de datos, localización e mapeo, base dos sistemas avanzados de condución asistida. Unha tecnoloxía que mantén os pasaxeiros máis seguros na estrada e que corrixe o factor humano como causa de accidentes de tráfico, reducindo así, os riscos.

31 de xaneiro de 2018 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.