publicidade hoxe

O Porriño disporá este ano de case dous millóns de euros co Plan Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PorriñoPontevedra
A-
A+

O deputado de Cooperación, David Regades, confirmou hoxe na súa visita ao Concello do Porriño que a Deputación de Pontevedra porá este ano a dispor do goberno municipal de Eva García de la Torre, case dous millóns de euros co Plan Concellos. “Estamos a falar dunha inversión moi importante, dixo o deputado, 1.883.863,81 euros, dos cales 1,1 pertencen ao Plan 2018 e o importe restante ao adianto da liña 1 do 2019”. Regades sinalou que “a nosa aposta está clara, un incremento dun 88,4% respecto ás inversións do Plan no 2017, para que o goberno poida afrontar proxectos de envergadura, grandes actuacións pensadas para a veciñanza”.

O deputado de Cooperación tamén sinalou que ” con esta decisión de sumar este ano o diñeiro da LIÑA 1 do Plan 2019, os concellos poderán planificar moito mellor as súas necesidades e, amais, facémolo coa marca propia deste Plan: o total respecto á autonomía local. Son os Concellos os que deciden os proxectos que fan cos cartos provinciais. Non decide a Deputación, deciden eles porque nós cremos que son os alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras, os que mellor coñecen as necesidades dos seus pobos”

A remodelación e humanización da Avenida de Galicia, a entrada ao concello do Porriño, será un dos proxectos estrela de este ano que se financiará co Plan Concellos. “Hai que agradecer, dixo Regades, que o concello dedique as achegas da Deputación a proxectos como este porque falamos dunha obra de humanización que vai cambiar a vila, vai transformala para que as rúas deixen de ser lugares onde os vehículos son os protagonistas a espazos para o goce das veciñas e dos veciños”. Pola súa banda, a alcaldesa Eva García de la Torre, agradeceu o esforzo da Deputación. “O goberno provincial e nós temos unha forma de ver as cidades moi parecidas e por iso propuxemos investir as achegas na transformación desta vía de entrada ao Porriño para que sexa máis humana, máis compatible co uso do espazo público por parte da cidadanía”. García destacou que se vai reformar o Parque da Alameda e realizaranse actuacións na mediana e beirarrúas, con árbores e espazos máis atractivos e acondicionados para as veciñas e veciños.

Plan de Reequilibrio

O deputado e a Alcaldesa tamén visitaron as instalacións de atletismo da Granxa, acompañados pola directiva do Club de Atletismo, que serán reformadas ao abeiro do novo Plan de Reequilibrio da Deputación. As obras, cun orzamento dun millón de euros, serán cofinanciadas pola institución provincial con 800.000 euros.

O proxecto elixido polo concello, que Regades definiu como “unha aposta de futuro que dará un enorme impulso ao deporte do Porriño”, dotará aos e ás integrantes do club dunhas instalacións óptimas para os seus adestramentos. Amais, as obras que está previsto que rematen no verán do 2019 servirán para homologar a pista con vistas a acoller competicións oficiais. Na actualidade, a parcela posúe un campo de fútbol e unha pista perimetral que se usa para adestramentos pero carece das medidas necesarias para competición e do pavimento axeitado. Executarase un módulo cuberto con unha recta de 6 rúas de 60 m de lonxitude e unha pista homologada, e contará cunha cuberta dotada de lucernarios que permitan o paso da luz natural. Amais, dotarase da iluminación necesaria para o desenrolo de competicións e adestramentos e prevese a posible instalación dun sistema de “fotofinish”. Na parte central da pista executarase un módulo de lanzamento de peso cun aro de formigón provisto do aro de seguridade. O entorno terá un espazo verde de céspede que integra a instalación coa súa contorna.

Eva García de la Torre puxo en valor o proxecto nunha vila xa coñecida pola súa importancia no deporte. “Nos vai permitir prestar servizos relacionados co deporte á cidadanía, incrementando a súa participación e impulsando a atracción de grandes eventos deportivos ata O Porriño”, dixo.

11 de xaneiro de 2018 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.