publicidade hoxe

O goberno galego fomenta con catro millóns de euros a ordenación dos montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

A Xunta segue a cumprir os seus compromisos en materia de ordenación e fomento forestal, asumidos polo propio presidente do Goberno galego tras a vaga de lumes do pasado mes de outubro. Neste caso, trátase dunha das medidas anunciadas daquela, referida á dotación de axudas para que todos os montes dispoñan en 2019 dun instrumento de ordenación, consonte á normativa vixente.

Así, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá, nunha visita a dúas sociedades de fomento forestal (Sofor) en Silleda, que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula e convoca estas achegas, dotadas cun orzamento de catro millóns de euros.

Os beneficiarios poden ser os propietarios forestais particulares de forma individual, as súas asociacións, as cooperativas agrarias, os montes proindivisos, de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabero, os montes de socios, comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

A conselleira explicou que estes fondos subvencionarán a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentación simple de xestión, documentos compartidos de xestión e os documentos de adhesión masiva a modelos silvícolas. Preténdese así facilitar que os propietarios dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e garanta unha xestión sustentable do monte.

Aproveitamentos forestais

Estes instrumentos serán imprescindibles a partir de maio de 2020, cando a lei estipula que todos os montes ou terreos forestais terán que dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para autorizar os aproveitamentos. Existe, polo tanto, unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tipo de territorio e ao seu uso.

Na orde de axudas establécense catro liñas de subvención. A primeira para zonas declaradas de alto ou medio risco de incendio. A segunda liña é de aplicación naqueles montes que se encontren nalgún dos tres casos seguintes: montes polo menos parcialmente cubertos por masas consolidadas de frondosas autóctonas, en Rede Natura 2000 e nos situados en zonas de policía (chámase así aos 100 metros a partir da canle dun río) das Áreas de Risco Potencial significativo de Inundacións (Arpsi). As liñas 3 e 4 son de aplicación a montes con terreos produtivos de masas de crecemento rápido polo menos no 50% da súa superficie e diferéncianse segundo o instrumento de ordenación que utilicen.

As sociedades de fomento forestal (Sofor) contarán con liñas específicas para elas, co fin tamén de favorecer o seu impulso como figura destacada á hora de poñer en valor os montes garantindo o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos, co obxecto de que esta leve a cabo unha xestión forestal conxunta. Así o salientou a conselleira Ángeles Vázquez tras manter un encontro con responsables das Sofor Outeiro-Parada e Parada, ambas situadas en Silleda (Pontevedra). Estas sociedades agrupan, respectivamente, 43 e 36 propietarios, cunha extensión de 180 e máis de 300 hectáreas cada unha (a de Parada é, así, a Sofor con maior extensión).

As axudas utilizaranse para a redacción dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal, incluíndo a realización do inventario preciso dos recursos e os servizos forestais. Así mesmo, tamén poden ir destinadas á redacción dos estudos de impacto ambiental ou ao documento ambiental asociado ao procedemento simplificado, segundo corresponda e cando sexa obrigatorio. O IVE non é elixible en ningún caso.

24 de xaneiro de 2018 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.