publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica as condicións de adhesión dos concellos á nova planta de compostaxe industrial de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as condicións de adhesión dos concellos á nova planta de compostaxe industrial de Sogama, construída no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, en Cerceda, e na que se realizou un investimento de 2,5 millóns de euros. Coa orde publicada hoxe, regúlase a operativa, a funcionalidade e o protocolo de uso dunha instalación creada para poñer en valor a fracción orgánica procedente dos programas municipais de recollida selectiva de residuos, incrementando as porcentaxes de recuperación na liña dos obxectivos europeos, nacionais e autonómicos de reciclaxe.

Unha vez estea en funcionamento, a planta prestará servizo aos municipios máis próximos, concretamente a aqueles que estean emprazados nun radio máximo de 45 quilómetros, e ata completar a súa capacidade de tratamento, dimensionada para unhas 15.000 toneladas anuais. O período de adhesión estipúlase en cinco anos, un prazo que, en todo caso, poderá verse prorrogado polas partes de común acordo.

O documento, enmarcado na disposición adicional segunda da Lei 5/2017, de 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, concreta distintos aspectos administrativos e técnicos a ter en conta na relación contractual a formalizar entre Sogama e os concellos adscritos.

Dado que os entes locais terán que organizar polos seus propios medios a loxística de recollida e transporte da materia orgánica, habilitando para isto os contedores específicos necesarios e encargándose igualmente de levar a cabo as súas campañas de información, formación e concienciación cidadá, o canon unitario por este concepto fixarase, para este ano 2018, en 45 euros por tonelada de materia orgánica, prevéndose a súa actualización anual co IPC correspondente.

A fin de garantir o correcto funcionamento da planta e a súa máxima eficiencia, a fracción orgánica (FORSU) entregada polos concellos non poderá conter máis do 15% de impropios, entendéndose como tales residuos que non correspondan a esta categoría (plásticos, papel, vidro, téxtiles…). Esta porcentaxe representa o límite técnico para que a instalación poida operar con garantías e para que, polo tanto, o compós obtido na mesma sexa de calidade e perfectamente apto para ser aplicado na agricultura sen restricións.

Con tal fin, Sogama poderá realizar as devanditas caracterizacións cando detecte que as características da materia orgánica recibida na súa planta non son as axeitadas, circunstancia que podería comprometer o seu rendemento. De darse o caso, as partidas que incumpran este requirimento derivaranse ao proceso de tratamento común, comunicándose este extremo ao concello de procedencia, facturándose as mesmas conforme ao canon que rexe para a bolsa negra (lixo convencional).

Compostaxe doméstica e vermicompostaxe

A planta de compostaxe industrial de Cerceda vén complementar a firme aposta de Sogama pola economía circular. Proba disto é o seu programa de compostaxe doméstica, ao que están adscritas xa 231 entidades de distintos puntos de Galicia (141 concellos, 78 centros educativos e 12 colectivos sociais), tendo distribuído preto de 7.500 composteiros, todos eles fabricados con materiais reciclados e recuperables.

Así mesmo, a empresa pública encárgase de impartir cursos de formación presenciais para que os usuarios dispoñan do coñecemento e a bagaxe necesarios para elaborar un compós de calidade, así como de subministrar o material didáctico de apoio (carteis e manuais explicativos fundamentalmente), sen esquecer que dispón dunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal a través da cal os interesados poden obter toda a información.

O obxectivo é que os concellos conten cos medios necesarios para alcanzar os beneficios ambientais, económicos e sociais que trae consigo un programa de autocompostaxe, isto é, menores emisións de CO2 ao reducir a frecuencia de recollida e transporte dos contedores convencionais, diminución do importe da factura a pagar a Sogama e recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de abono natural.

Ademais, a compañía adentrouse recentemente nunha experiencia piloto de vermicompostaxe, protagonizada neste caso por lombrigas de terra que inxiren a materia orgánica e a excretan en forma de humus, un fertilizante natural de extraordinarias propiedades para o solo. O programa de vermicompostaxe xa se instaurou en 25 vivendas de As Pontes de García Rodríguez e está a piques de implantarse en 22 de Carballo, estando presente igualmente no centro penitenciario de Monterroso (Lugo) e en dous centros escolares.

16 de xaneiro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.