publicidade hoxe

O catálogo da última exposición de Rosendo Cid, Fe de erratas, preséntase como un percorrido pola súa evolución artística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación colabora coa edición do catálogo da exposición de Rosendo Cid Fe de erratas, que se presentou hoxe e que constitúe un percorrido didáctico pola súa evolución artística. A mostra, froito do traballo de máis dun ano, foi un encargo da Fundación RAC para a súa sede e estivo aberta ao público entre o 19 de outubro e o 15 de decembro de 2017.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou no acto de presentación, durante o que destacou a novidade deste proxecto “construído a base de materiais, fracasos e ideas de pezas que dan lugar a outras novas, acabadas ou non, segundo quen as observe”. No acto de presentación estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o artista Rosendo Cid, o xestor e produtor cultural David Barro, autor dos textos do catálogo e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón.

O catálogo da exposición preséntase “como un percorrido pola evolución do traballo do artista de xeito didáctico. En certo xeito, unha guía para contribuír á asimilación e entendemento dos traballos alí presentados”, explicou Anxo Lorenzo, para o que apoiar o traballo de Rosendo Cid, “un artista inclasificable e arriscado”, permite a difusión da súa obra e contribúe ao seu coñecemento.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora no apoio á produción e difusión das artes plásticas e visuais, para promover a diversidade nas distintas linguaxes e tendencias artísticas, fomentar a produción dos creadores e creadoras galegos actuais e facilitarlle á cidadanía o acceso a estas obras.

31 de xaneiro de 2018 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.