publicidade hoxe

O 061-Galicia asistiu a 66 persoas por 40 accidentes de circulación na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 66 persoas debido a 40 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do venres, 5 de xaneiro ata as 23:59 horas do domingo, 7 de xaneiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 17 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 52 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 40 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 66 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 53 e 47 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 38 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 16 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 16
Lugo: 5
Ourense: 6
Pontevedra: 13
Total Galicia: 40

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 60. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en cinco sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu nun accidente, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 45 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes. As ambulancias convencionais acudiron en tres sinistros.

En 58 casos, os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en sete ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

8 de xaneiro de 2018 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.