publicidade hoxe

Medio Rural superará as 109.000 hectáreas forestais ordenadas antes de que remate a lexislatura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pino
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ao Concello do Pino

Ángeles Vázquez na visita ao Concello do Pino

A Consellería do Medio Rural márcase como obxectivo chegar a máis de 109.000 hectáreas de monte ordenado antes de que a lexislatura remate. Así o transmitiu hoxe a conselleira Ángeles Vázquez durante un encontro que mantivo cos veciños beneficiarios da reestruturación parcelaria de Gonzar II, no concello coruñés do Pino.

Precisamente esta reorganización ten un carácter eminentemente forestal, como o 68% do territorio concentrado dende 2009 na nosa comunidade. Malia que este tipo de procesos habitualmente vincúlanse co eido agrario, a conselleira sinalou que o certo é que as reestruturacións no monte teñen unha importancia capital para facelo rendible.

Por iso, das 128 reestruturacións que se pretenden pechar no que queda de lexislatura, máis do 67% delas son deste tipo. “Falamos, polo tanto, de que no 2020 teremos unhas 109.000 hectáreas de natureza forestal concentrada”, insistiu Ángeles Vázquez. A concentración de Gonzar II é un destes casos e agora retómase coa intención de finalizala antes de que remate o mandato. Este proceso beneficiará a 545 propietarios de 7.872 parcelas cunha superficie media de 1.085 metros cadrados. En total, trátase dun territorio de 854 hectáreas, das que 829 son de carácter forestal e as 25 restantes de tipo agrícola.

No encontro, ao que tamén asistiron o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde do Pino, Manuel Taboada, explicóuselles aos veciños os pasos a seguir agora. Unha vez rematada a análise de viabilidade deste proceso, o obxectivo é avanzar na rede de camiños principal, co fin de poder iniciar as obras no vindeiro verán. Está previsto intervir en nove quilómetros de novas vías e mellorar outros 15 preexistentes.

Ata o de agora lévanse investidos nesta reestruturación máis de 155.000 euros en asistencias técnicas, pero o maior volume de orzamento chegará unha vez comecen os traballos sobre o terreo. Non é a primeira reestruturación que se leva a cabo no Pino. De feito, no concello reorganizáronse ata once zonas diferentes chegando así a ter unha porcentaxe de superficie concentrada moi alta, do 66%, o que se traduce nunhas 8.648 hectáreas.

31 de xaneiro de 2018 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.