publicidade hoxe

Medio Rural incrementará un 60% as axudas para a execución de proxectos innovadores de grupos operativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+
Ánxeles Vázquez na visita a Ribadavia

Ánxeles Vázquez na visita a Ribadavia

A Xunta incrementa nun 60% as axudas destinadas á execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), chegando así aos 2,8 millóns de euros para a presente convocatoria. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo hoxe este anuncio durante unha visita ao concello de Ribadavia para coñecer un dos proxectos desenvolvidos no marco destas axudas.

Trátase dunha iniciativa do grupo operativo O dourado verde que busca a extracción de resina da especie pinus pinaster (piñeiro) mediante un sistema ecolóxico e sostible, sen perda de volátiles e exenta de contaminación e para o que recibiu máis de 90.000 euros a través destas axudas de Medio Rural. O grupo, integrado pola empresa Resega Montes SL, a comunidade de montes de San Cibrao, o Centro Tecnolóxico da Carne e a Universidade de Vigo, desenvolveu un proceso tecnolóxico que extrae a resina cunha pureza do 100% e sen danos aparentes para a árbore, o que supón que non haxa reducións na taxación no momento da tala. Esta tecnoloxía extractiva de gran pureza pode ser de gran interese para a industria farmacéutica, química e agroalimentaria, xa que representa unha gran innovación comparada coa actual produción de resina.

A conselleira destacou este proxecto como unha fórmula máis de explotar os montes de xeito sostible que agora debe ser trasladado ao resto do sector agroforestal. “É importante seguir investigando para crear produtividade económica e maior postos de emprego no rural e este é un exemplo”, declarou Ángeles Vázquez, que lembrou ademais que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas deste ano. “Hai moito talento no rural galego e queremos seguir afondando nel”, concluíu.

Convocatoria 2018

A nova convocatoria deste ano das achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, abren hoxe o seu prazo de solicitude.

O obxectivo principal desta liña de subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector. O orzamento deste ano (2,8 millóns de euros) están distribuídos en tres anualidades, un millón de euros para 2018, outro millón para 2019 e 855.378 euros para 2020.

Só poderán solicitar estas axudas os grupos operativos da AEI constituídos para o efecto do desenvolvemento dun proxecto innovador. Desta forma, os beneficiarios son os distintos membros destes grupos, tales como produtores, empresas do sector, centros de innovación e tamén entidades sen ánimo de lucro, asesoras na conservación ou no uso sustentable dos recursos naturais e outras con interese recoñecidos no ámbito rural.

A Asociación Europea da Innovación é un instrumento administrado directamente pola Comisión Europea posto en marcha para contribuír á estratexia “Europa 2020” da UE. Persegue un crecemento intelixente, sostible e integrador a través dunha rede que xunte a produtores, axentes de innovación e axentes de dinamización do medio rural. Estes son os denominados grupos operativos, destinatarios destas achegas.

17 de xaneiro de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.