publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente destinará 300.000 euros a axudas para paliar os danos ocasionados por ataques de lobo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan as axudas de 2018 para paliar os danos ocasionados por ataques de lobo ás reses de explotacións gandeiras galegas. O importe da orde ascende a case 300.000 euros (concretamente, 279.958 euros) co fin de chegar ao maior número de solicitantes posible.

Poderán acceder a estas axudas os titulares de explotacións de gando vacún, ovino, cabrún, equino, porcino, asnal e mular prexudicados por un ataque de lobo entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro do actual exercicio. En calquera caso, será un requisito indispensable que os danos procedan de ataques que non poidan evitarse polo tipo de gando ou polo sistema de explotación.

Como principais novidades, na orde deste ano serán compensables os gastos de eutanasia dos animais atacados de ser esta necesaria por motivos de benestar do animal e para evitarlle un sufrimento ou afección graves. Esta medida, en todo caso, terá que ser prescrita e efectuada por un profesional veterinario e o custo da intervención non poderá superar en ningún caso o valor do animal, segundo o establecido na propia orde.

En canto aos baremos, en resposta á petición dos representantes dos sindicatos gandeiros, na orde deste ano increméntase nun 10% a contía das axudas en todas as franxas de idade no caso do gando vacún.

Por outra banda, simplifícase o procedemento para acceder ás axudas ao non esixirlle aos solicitantes que presenten a documentación xustificativa sobre os rexistros gandeiros nin a documentación dos animais. Estes datos serán consultados desde a propia unidade de tramitación, sempre que no expediente conste a autorización para a consulta por parte dos beneficiarios.

A xestión do lobo en Galicia

O lobo mantén en Galicia unha poboación abundante, que se estende por unha ampla zona do territorio da comunidade autónoma. Esta especie constitúe non só un expoñente da nosa biodiversidade, senón que tamén supón un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio no que se desenvolve.

As necesidades alimenticias desta especie entran a veces en conflito cos intereses do sector gandeiro. Por iso, desde o ano 2004, a Xunta habilita anualmente unha orde de axudas de carácter compensatorio co obxectivo de conciliar o interese pola supervivencia da especie coa viabilidade das actividades gandeiras.

Esta orde de axudas vén completar tamén a liña de subvencións para a prevención de danos ocasionados por fauna silvestre, dotada no exercicio 2017 con 300.000 euros para a adquisición de métodos de prevención de danos producidos por determinadas especies (lobo e xabaril) nunha clara aposta do Goberno galego a futuro pola prevención fronte á compensación dos danos.

Cómpre lembrar que, ademais desta iniciativa, o Goberno autonómico conta tamén desde 2008 cun Plan de xestión do lobo, que combina medidas tanto no eido da prevención como no de compensación de danos.

10 de xaneiro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.