publicidade hoxe

Gamallo representa en Bruxelas a voz das comunidades costeiras sobre o futuro do fondo de financiamento pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en calidade de experta ao primeiro debate de presentación do documento de traballo do ditame FEMP post 2020: investindo nas comunidades costeiras europeas, un labor que lidera Galicia por encargo da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR).

Alí, a Xunta, a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, expuxo a importancia da continuidade dun fondo específico para a estrutura marítimo-pesqueira. Un fondo, defendeu Galicia, que sexa acorde e coordinado coa normativa europea e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada.

Ademais a Xunta tamén fixo fincapé na necesidade dunha nova ferramenta financieira simplificada para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptada á realidade e ás necesidades dos sectores do mar. Para este novo fondo, Galicia defende unha serie de prioridades, entre elas a remuda xeracional, baseando o apoio dos fondos a aspectos como a formación e a mellora da calidade de vida a bordo dos buques pesqueiros.

Outras das prioridades de Galicia de cara ao novo fondo, que a Xunta expuxo en Bruxelas, son a adecuación ao esforzo pesqueiro, o apoio á mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar para mellorar a súa xestión e explotación. Tamén son liñas prioritarias o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais.

Galicia tamén puxo de relevo a importancia de sumar as sinerxías que ofrecen outros fondos como o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), debido ao carácter rural e periférico da maioría das zonas costeiras, e o Fondo Social Europeo.

En canto á aplicación do fondo, a Xunta cualificou o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da PCP, xera confianza e asegura a obtención de financiamento.

Ademais Galicia fixo fincapé na necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, aínda que sexa de forma parcial e en determinados eixos. Isto debido a que a súa capacidade de impulso en materias como I+D+i ou mellora de estándares laborais pode perderse por falta de axudas.

Un dos acontecementos que defendeu a Xunta que hai que ter en conta no futuro fondo financeiro é o Brexit, que coincide no ano 2020 e no caso da pesca podería afectar ao financiamento, aos dereitos de acceso ás augas británicas e aos seus mercados. Neste sentido, Galicia defende un novo fondo europeo de financiamento que leva unidos eses aspectos e que trate de corrixir os puntos débiles que poidan darse como consecuencia de preservar a unidade da Europa pesqueira.

Reunión

Mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, continuará a súa axenda en Bruxelas, onde se reunirá con axentes e membros de Parlamento Europeo para debater sobre o ditame FEMP post 2020: investindo nas comunidades costeiras europeas, no que traballa Galicia.

22 de xaneiro de 2018 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.