publicidade hoxe

Galicia representa as comunidades autónomas no seo da delegación española ante o Comité de Dereitos do Neno de Nacións Unidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, participou hoxe na sede de Nacións Unidas, en Xenebra, no Comité de Dereitos do Neno en representación das comunidades autónomas no seo da delegación española que encabezou o secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés Sanagustín. O obxecto deste comité é avaliar a situación da infancia en España e as iniciativas que se están a desenvolver nesta materia.

A intervención do conselleiro centrouse na coordinación entre Estado e Autonomías para a execución de políticas dirixidas á protección e desenvolvemento integral dos menores, e salientou que en España “a coordinación entre administracións ten lugar ao máximo nivel tanto desde punto de vista técnico como político”. Como exemplos desta cooperación, Rey Varela sinalou o Consello Territorial de Servizos Sociais e á Comisión Interautonómica de Infancia e Familia, subliñando ao respecto desta última que se trata dun grupo de traballo de carácter permanente para o intercambio de información e a elaboración de propostas ao Consello Territorial en materia de protección á infancia, adopción internacional e protección á familia.

Un terceiro mecanismo de coordinación que mencionou o titular de Política Social foi o Observatorio de Infancia, que ten entre os seus obxectivos coñecer o estado da situación da poboación infantil e a súa calidade de vida, así como propoñer políticas sociais que melloren os diversos ámbitos que afecten a este segmento da poboación. Asemade, tamén destacou a colaboración e diálogo que existe entre as distintas comunidades autónomas e os concellos. No ámbito concreto de Galicia subliñou a Axenda Social e o Plan Concerto, a primeira como mostra do diálogo e traballo conxunto das administracións en prol da mellora da calidade de vida e o segundo como vía de colaboración entre a Xunta e as entidades locais para, entre outras cuestións, erradicar situacións de desprotección social na infancia.

Asemade, Rey Varela abordou a cuestión do financiamento das políticas de infancia e familia poñendo en valor o importante incremento dos recursos económicos destinados a este ámbito por parte de Galicia, que pasou de 86 millóns de euros en 2015 aos 132 reservados para o presente exercicio de 2018. “Trátase de que a recuperación económica que se evidencia nas grandes cifras e indicadores teña o seu traslado na economía das persoas e dos fogares”, explicou.

O conselleiro concluíu que un dos eixes prioritarios que marcan as actuacións en materia de familia e infancia “é conseguir que sexamos o mellor lugar para ser neno ou nena”. Ao fío disto, engadiu que “destinar recursos e esforzos aos menores é a mellor decisión que se pode tomar, xa que estamos a investir no futuro da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo, González, deu conta durante o seu relatorio dos cambios introducidos logo da modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia levada a cabo polo lexislado estatal no ano 2015. Nomeadamente no que ten que ver coa priorización do acollemento familiar para calquera menor e especialmente para os menores de seis anos.

González Méndez tamén avanzou o traballo conxunto que están a levar a cabo as Comunidades Autónomas para crear estándares de calidade nos centros de menores, así como a homoxeneización das características deste recurso asistencial e lembrou que, en todo caso, os equipos técnicos de menores están formados por un persoal multidisciplinar integrado por profesionais da psicoloxía, pedagoxía e traballo social e son os encargados de analizar cada caso e, xunto cos informes de distinto ámbito (servizos sociais de base, educación, sanidade, etc ), decidir se procede asumir algunha medida de protección, e tendendo sempre que sexa posible ao mantemento do neno, nena ou adolescente na súa contorna familiar e social.

22 de xaneiro de 2018 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.