publicidade hoxe

Galicia pecha 2017 situándose ao lado das comunidades responsables e cumpridoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta en rolda de prensa

O presidente da Xunta en rolda de prensa

Logo de avaliar o informe presentado pola Consellería de Facenda sobre o avance do peche do exercicio 2017, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou que Galicia pecha 2017 situándose, un ano máis, no lado das comunidades responsables e cumpridoras: ao cumprir o obxectivo de déficit público, ao cumprir o límite de débeda pública e ao controlar a regra de gasto, mantendo cada mes uns tempos de pagamento inferiores á media española.

Deste xeito, Feijóo aseverou que Galicia, tecnicamente, rematou o proceso de consolidación fiscal que comezou no ano 2009. Máis polo miúdo, precisou que a Comunidade pechou o exercicio cun déficit do 0,21%, cumprindo cunha ampla marxe o obxectivo para todas as comunidades do 0,6%; e reducindo á metade o déficit con respecto ao ano anterior, que foi do 0,58%.

Sobre este punto, o titular da Xunta lembrou que a nosa é a segunda comunidade que máis reduciu o déficit desde 2012, un proceso que se fixo de xeito paralelo á mellora da situación económica.

Así mesmo, avanzou que Galicia se atopa nunha boa posición para volver cumprir en 2018 o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira do 0,4%. “Non prevemos esgotar este límite”, aseverou, lembrando que nos Orzamentos para este ano se inclúe unha marxe máxima do 0,3%.

No tocante ao endebedamento, Feijóo subliñou que hoxe cada galego soporta 2.000 euros menos de débeda pública que o español medio.

Cómpre salientar ademais que, desde o ano 2014, a débeda de Galicia está estabilizada. E, en 2017, por primeira vez na última década, a Comunidade logrou reducir o endebedamento, pechando o exercicio cunha débeda sobre o PIB do 18,5% e cumprindo co obxectivo fixado no Consello de Política Fiscal e Financeira do 19% para o ano que acaba de rematar.

Nesta mesma liña, o responsable do Executivo galego avanzou que o obxectivo do Goberno galego para 2018 é seguir neste camiño, precisando que a Xunta aforrará neste ano outros 65 millóns en xuros da débeda.

Por outra banda, o informe da Consellería de Facenda tamén indica que en 2017 Galicia conseguiu manter controlada a regra de gasto, un indicador que tamén se manterá controlado en 2018, tal e como figura nos Orzamentos que xa están en vigor.

Sobre o pago a provedores, Feijóo resaltou que, segundo os datos que figuran neste avance, Galicia está a ser a comunidade de referencia neste eido, pasando dun período medio de pago de 22,6 días en decembro de 2016 a unha previsión de 7 días en decembro de 2017. “Galicia pagou de media 16 días antes que o conxunto das comunidades autónomas”, concluíu.

18 de xaneiro de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.