publicidade hoxe

Galicia, Asturias e Castela e León poñen en común as súas políticas educativas para explorar vías de cooperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Os conselleiros de Educación de Galicia, Asturias e Castela e León analizarán as súas políticas educativas desde mañá e ata o venres en León, co obxectivo de poñelas en común e poder explorar novas vías de colaboración conxunta. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participará na inauguración do encontro este xoves xunto cos seus homólogos castelán leonés, Fernando Rey, e asturiano, Genaro Alonso. Así mesmo, tamén asistirá o secretario de Estado de Educación, FP e Universidades do Ministerio, Marcial Marín.

Cómpre destacar que las tres comunidades presentan unha realidade socioeconómica similar, así como uns resultados educativos positivos nunha serie de indicadores comúns como son os servizos complementarios de transporte e comedor escolar, o impulso ao plurilingüismo e á formación profesional ou o traballo para mellorar a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais.

Neste sentido, tanto o conselleiro como os diferentes representantes da Consellería que participarán nos grupos de traballo ao longo da xornada de mañá achegarán a experiencia de Galicia en eidos nos que, nos últimos anos, se realizou un importante esforzo para mellorar a calidade do sistema educativo galego. Algúns destes ámbitos son, precisamente, a FP, a formación do profesorado, a extensión das TIC ou a inclusión educativa.

De feito, os temas que se abordarán neste encontro serán a educación no medio rural –facendo fincapé nos servizos complementarios, nas modalidades organizativas ou nas relacións coa administración local–; a formación profesional, e especialmente a FP Dual; a xestión e formación do profesorado; os modelos organizativos para as redes de escolas conectadas; os avances na calidade, na inclusión e na atención á diversidade; e algúns dos retos da universidade, como é a formación dual.

Na xornada do venres terá lugar unha segunda sesión de traballo plenaria para a posta en común das conclusións extraídas das reunións por grupos.

17 de xaneiro de 2018 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.