publicidade hoxe

Francisco Conde destaca as oportunidades que os vehículos non tripulados abren ás pemes galegas para diversificar a súa actividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Soldatec

Francisco Conde na visita ás instalacións de Soldatec

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Porriño as oportunidades que o desenvolvemento en Galicia de vehículos non tripulados abre ás pemes galegas para diversificar a súa actividade e ser máis competitivas, durante a visita que realizou á microempresa Soldatec, contratada por Babcock para a fabricación de dous helicópteros non tripulados.

Conde destacou que Soldatec é unha das 18 pemes e centros tecnolóxicos que está a traballar no polo tecnolóxico e industrial de Rozas, grazas a aposta da empresa pola diversificación e pola alta tecnoloxía. Apuntou, ademais, que a participación desta microempresa neste proxecto permitiulle triplicar o seu cadro de persoal. Explicou, así mesmo, que os traballos dos prototipos Lúa e Lumes avanzan a bo ritmo e xa están en fase de probas, polo que tras a súa acreditación e posterior certificación poderán posicionarse no mercado. “Rozas é unha realidade e unha oportunidade para o noso tecido produtivo que está aportando coñecemento e tecnoloxía e xa está a xerar postos de traballo”, engadiu.

O conselleiro salientou o potencial da industria aeronáutica e insistiu no importante papel de Rozas dinamizando non só este sector, senón tamén sectores tradicionais que apostan pola innovación. Así, lembrou que os dous socios da Xunta no polo de Rozas, Indra e Babcock, teñen comprometido un investimento superior aos 75 millóns de euros que mobilizarán 150 e están a desenvolver proxectos con compromisos que alcanzan os 17,6 millóns de euros e o impulso de 188 postos de traballo.

O titular de Economía tamén se referiu ao importante papel da formación para o desenvolvemento deste polo tecnolóxico e industrial a través do Grao de Enxeñaría e o centro de formación profesional. “Galicia está á vangarda do desenvolvemento do sector dos avións non tripulados”, subliñou.

Conde, ademais, puxo en valor a aposta pola Compra Pública Innovadora, coa licitación de contratos por valor de 11 millóns de euros para desenvolver solucións que melloren os servizos públicos, como a seguridade pesqueira, o salvamento marítimo, o control de calidade das augas de ríos e rías, a planificación urbanística, o seguimento de axudas da política agraria común ou a cartografía de Galicia; aos que se sumarán dúas novas contratacións en materia de xestión forestal e tráfico aéreo por importe de 6,7 millóns de euros.

Axudas aos polígonos

Por outra parte, tal e como informou o conselleiro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias para a mellora das infraestruturas nos parques empresarias e para a creación de viveiros de empresa, ás que destinará preto de 6,4 millóns de euros.

En concreto, o programa para parques empresariais está dotado con 5,8 millóns de euros para financiar actuacións relacionadas coa posta en marcha de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, mellora de infraestruturas viarias interiores e exteriores, sistemas de seguridade e vixilancia e equipamentos contra incendios e contra o roubo de cable. Os apoios para a creación de viveiros industriais de empresas nos polígonos, que contan cun orzamento próximo aos 600.000 euros, cobren os gastos para a construción, reforma ou adecuación do equipamento interior de naves industriais.

Os Concellos Emprendedores terán preferencia nestes apoios cuxo prazo de presentación se abrirá mañá e se prolongará ata o 28 de febreiro. Estas medidas cumpren co obxectivo da Lei de implantación empresarial que é captar novos investimentos para contribuír a que Galicia xere máis emprego de calidade e riqueza económica.

Conde indicou que tanto estas axudas como o desenvolvemento do polo tecnolóxico e industrial de Rozas demostran “a aposta de Galicia pola industria e a innovación creando emprego e achegando coñecemento”.

17 de xaneiro de 2018 | 15:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.