publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizada a reforma do CPI Virxe do Monte, en Cospeito, que reportará un aforro no consumo enerxético do 15%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria rematou as obras de reforma realizadas no Centro Público Integrado (CPI) Virxe do Monte de Cospeito, coas que se conseguirá un aforro enerxético do 15 por cento.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe o resultado dos traballos, nos que se investiron 422.567 euros cofinanciados con fondos FEDER, e que afectaron á fachada, cuberta, ventás, pintura interior e ás luminarias.

As principais intervencións afectaron á fachada, que foi revestida na súa totalidade cun sistema de illamento térmico, e á iluminación, que supoñía case o 38 por cento do consumo enerxético do centro.

Neste sentido, substituíronse 381 luminarias convencionais por 397 luminarias tipo LED e dotouse ao edificio de equipos de regulación e detección de movemento para o acendido e apagado en corredores, zonas comúns, cociña, aseos, zonas de ducha e salas técnicas. Nas aulas instalouse un sistema de regulación multisensor e controlador da intensidade, regulando gradualmente o fluxo da luminaria segundo a achega de luz natural.

Tamén se introduciu un novo illamento térmico en determinadas áreas da cuberta, substituíronse a totalidade dos canlóns e baixantes do edificio, e cambiáronse as ventás das planta baixa e dos patios interiores por outras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. Por último, realizáronse outras actuacións como a reparación e pintado de paramentos interiores.

O delegado territorial subliñou que “a Xunta predica co exemplo tratando de introducir nos seus propios centros medidas de aforro enerxético que, por un lado, favorecen unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e, por outro, reportan un beneficio social ao reducir as emisións contaminantes ao medio ambiente”.

Ademais, engadiu Balseiro, “estas obras redundan na mellora estética e da confortabilidade para os alumnos e profesores, creando un entorno axeitado para o desenvolvemento da actividade educativa”.

Outros proxectos

Balseiro lembrou que a consellería acometeu proxectos similares no CEIP Lagostelle de Guitiriz, no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, por importe conxunto de 2 millóns de euros. E para este ano están previstos no CEIP Veleiro Docampo (Castro de Rei) e no CEP Luís Tobío de Viveiro.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

25 de xaneiro de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.