publicidade hoxe

David Regades visita Vilagarcía e confirma que este ano a Deputación pon a dispor do Concello inversións por 2,5 millóns de euros

O deputado de Cooperación, David Regades, visitou hoxe o Concello de Vilagarcía e confirmou ao alcalde, Alberto Varela “as boas noticias do Plan Concellos que este ano suporá para a vila 2,5 millóns de euros da Deputación entre os cartos de 2018 e o adianto da Liña 1 de 2019 incrementando o orzamento nun 72,06%. Estou seguro que con estas achegas o concello vai realizar actuacións referentes que van cambiar a vida das veciñas e veciños de Vilagarcía”. Amais, o deputado lembrou que “falamos de investimentos que deciden exclusivamente os gobernos dos concellos porque nos cremos absolutamente no respecto á autonomía local”.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela agradeceu “o esforzo da Deputación de Pontevedra que nos está a permitir acometer determinadas actuacións que doutra maneira serían imposibles”. Varela tamén puxo en valor “as novas formas de traballar da Deputación. Eu lembro que na anterior lexislatura viña o anterior presidente da Deputación e decidía el cales eran as inversións que necesitaba o concello de Vilagarcía, ao seu antollo ou seu beneficio. Agora a Deputación, que coñece plenamente o funcionamento da administración local, sabe que os que mellor coñecemos as necesidades dos concellos somos os alcaldes e as alcaldesas así que esta autonomía que o novo goberno provincial está dando aos concellos é a que nos permite poñer en marcha proxectos que, doutro xeito, sería imposible”.

Amais, Varela fixo un chamamento á Xunta de Galicia “para que poña en marcha un plan de investimentos que nos permita aos concellos decidir cales son as actuacións a realizar nas nosas cidades. Nestes momentos a Xunta ningunea a Vilagarcía de Arousa xa que de non ser porque este goberno traballou por conseguir fondos europeos e pola axuda da Deputación de Pontevedra teríamos escasa capacidade de investimento”.

O deputado e o alcalde tamén supervisaron a evolución das obras que se están a realizar no municipio ao abeiro do Plan Concellos , entre outras os traballos da esperada Escola Infantil de Vilaxoán, á que a Deputación destinou 701.480 euros co obxectivo de dar servizo ás nenas e aos nenos de entre 0 e 3 anos da vila. Nestes momentos as obras de construción atópanse en marcha, sendo xa visibles as zapatas. En liñas xerais, o novo centro de Educación Infantil será unha edificación de planta única con todo o preciso para atender ás cativas e cativos. Deste xeito, haberá 6 aulas de 40 metros cadrados cada unha, despachos, aseos, almacéns, dous patios (un deles interior) axardinados e con pavimentos de caucho e céspede artificial, que ocuparán unha superficie construída de 854 metros cadrados.

Regades amosou a súa satisfacción por “ver como se están a xestionar os recursos que achega a Deputación de Pontevedra. Na reunión que mantiven co alcalde estudamos o desenvolvemento das actuacións que se financiaron co Plan Concellos 2016 e 2017 e puiden comprobar que Vilagarcía é un dos concellos que ten máis avanzados os investimentos co cal o balance é moi positivo”. Respecto á Escola Infantil, o deputado sinalou que “falamos dunha grande obra, un mito e un referente realizado mediante un gran proxecto que, estou seguro, podería gañar calquera concurso de arquitectura. Falamos dunha Escola de premio, realizada nun so andar, para fomentar a accesibilidade, con estrutura de formigón e acabados naturais, con fachada de vidro, para fomentar a entrada de luz natural, chans de vinilos e espazos de lecer con caucho e herba artificial, co cal os nenos e as nenas van poder desenvolverse nun lugar seguro e accesible”.

Regades resaltou tamén que as escolas infantís non son competencias das administracións locais e “aí está o concello de Vilagarcía e a Deputación suplindo a non acción da Xunta de Galicia, a auténtica competente”. O deputado de Cooperación manifestou o seu desexo de que “fose a Xunta quen realizase o investimento para esta obra e, así, os máis de 700.000 euros que dedica a Deputación de Pontevedra puidesen ser empregados por Vilagarcía para outro fin”.

Alberto Varela agradeceu o compromiso da Deputación coa vila e aínda que non enumerou os proxectos que poderán facerse este ano, “primeiro quero que coñeza esa información o resto da corporación”, si avanzou que “son moitas as necesidades e temos claro que ademais haberá que dedicar moitos cartos a instalacións nas que na anterior lexislatura non se investiu para o necesario mantemento e se atopan cun deterioro notable. En calquera caso haberá proxectos moi importantes para as veciñas e veciños de Vilagarcía”, engadiu

10 de xaneiro de 2018 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.