publicidade hoxe

Cores Tourís mantén un encontro no concello de Rodeiro para comprobar o avance do Plan de mellora do subministro eléctrico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRodeiro
A-
A+
Cores Tourís en Rodeiro

Cores Tourís en Rodeiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, así como cos representantes da plataforma de afectados pola baixa calidade do subministro eléctrico neste concello co obxectivo de coñecer os avances no plan de mellora que está a levar a cabo Fenosa nos lugares afectados.

Na reunión estivo tamén presente o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así como representantes da propia empresa eléctrica.

Deste xeito, o delegado territorial recordou que a Xefatura Territorial de Economía en Pontevedra, atendendo á reclamación do concello de Rodeiro, mantivo unha reunión coa distribuidora Unión Fenosa de cara a abordar as posibles solucións a este problema. A raíz deste encontro, elaborouse un cronograma de plan de acción na liña de alta tensión deste municipio que contemplaba accións a executar tanto de xeito inmediato como a longo prazo.

Ao longo de 2017 instalouse un rexistrador na cabeceira da subestación para investigar a tipoloxía e a orixe das deficiencias, revisándose as reclamacións de xeito individual a través dun teléfono o que permitiu informar aos veciños das accións que se estaban a executar así como das dificultades para identificar a orixe das deficiencias.

Posteriormente, para mellorar o apoio a esta liña instaláronse cinco reconectadores automáticos e un regulador de tensión no punto enteiro fronteira coa liña que subministra dende Chantada.

Nestes intres estase a traballar para a posta en marcha de novas obras na liña de alta tensión, xa que conta cuns circuítos tan longos que a liña de alta tensión de Chantada non a pode socorrer a pesares das obras anteriormente executadas. Así, para o presente ano está prevista a instalación de catro novos telecontroles, así como dun elevador de tensión na fronteira entre os dous circuítos, de cara a poder socorrer á liña de Rodeiro a través da de Chantada se fora necesario. Tamén está previsto executar un segundo circuíto.

“O noso obxectivo é seguir a traballar xunto a Fenosa de cara a que os veciños de Rodeiro poidan contar cun servizo de calidade que non presente constantes deficiencias e que impida o desenvolvemento da vida cotiá”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “a Xefatura Territorial de Economía continuará a velar polo cumprimento do plan de mellora posto en marcha pola empresa distribuidora e seguirá a recoller as demandas do municipio e dos veciños neste senso”.

24 de xaneiro de 2018 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.