publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carmela Silva subliñou en Forcarei a importancia da educación para erradicar as violencias machistas dentro da acción de “Violencia Zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa de Forcarei, Belen Cachafeiro, e polas deputadas Chelo Besada e Montse Magallanes, asistiu no salón de actos do IES Chano Piñeiro, á quinta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra.

No acto, Carmela Silva interveu para resaltar a importancia de que este programa da Deputación chegue a centros escolares como o IES Chano Piñeiro, xa que “a posibilidade de cambiar o mundo están en todos e todas vós.” A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén apuntou que “malia a dramática situación que estamos a vivir, tal e como indican os arrepiantes datos, eu son optimista porque creo que os mozos e mozas de hoxe en día estades moi formados e comprometidos coa igualdade. Sei que estades preparados para cambiar o mundo, tal e como demostrádesme co vídeo sobre micromachismos que elaboráchedes.”

Ante os nenos e nenas asistentes ao acto, Carmela Silva explicou que é a primeira presidenta da historia da Deputación de Pontevedra e preguntouse “se hai algún dato que diga que as mulleres non podemos dirixir nin ocupar postos de responsabilidade”. Tamén sinalou que “é aquí onde comezan as desigualdades que posteriormente desencadean violencias machistas de todo tipo.”

A protagonista da acción artística foi Antía Otero que actuou en Forcarei coa súa obra poética “Palabra en adival”. Nesta intervención artística, a poetisa da Estrada falou do traballo e da vida das mulleres, nunha obra que non pretende ser tan só unha homenaxe á muller do rural desde unha visión folclórica, pintoresca, edulcorada e paisaxística.

Esta quinta acción de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” coincidiu co “Día Escolar da No Violencia e a Paz”, celebrado desde 1964 para conmemorar a morte de Gandhi e recoñecido pola UNESCO desde 1993. En relación a esta celebración, Carmela Silva afirmou que “dende a educación hai que traballar a prol da igualdade para erradicar as violencias machistas da nosa sociedade, xa que é a lacra máis importante a que temos que facer fronte.”

Para pechar o acto, o alumnado do IES Chano Piñeiro presentes no acto de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” presentaron un vídeo sobre micromachismos e remataron a xornada cantando a canción da cantautora francesa, Zaz, ‘Je veux’.

Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

30 de xaneiro de 2018 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.