publicidade hoxe

As obras da Rolda Leste de Pontevedra espertan o interese de 21 empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

As obras para construír a Rolda Leste de Pontevedra veñen de espertar o interese de 21 empresas de ámbito galego e estatal. O servizo de Mobilidade da Deputación provincial analizará nas vindeiras semanas toda a documentación técnica presentada polas firmas para poder puntuar as propostas. A execución dos traballos está valorada en máis de dous millóns de euros e teñen que estar executados en nove meses.

A mesa de Contratación da Deputación abriu o pasado venres os ‘sobres A’ cos datos técnicos. En total foron 21 propostas, entre as 13 firmas individuais e as que presentaron as oito unións temporais de empresas (UTE) que se asociaron para poder presentarse ao concurso provincial. Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa os técnicos atenderán ao programa e equipo de traballo (ata un máximo de 15 puntos), plan de control de calidade (ata un máximo de 15 puntos), memoria de traballo (ata un máximo de 10 puntos), e ao plan de actuacións ambientais (ata un máximo de 5 puntos). Posteriormente abrirase o ‘sobre C’, que valorará o menor prezo ofertado (ata 55 puntos).

Estímase que a escolla da empresa estará finalizada no mes de marzo para que as obras se poidan rematar neste mesmo exercicio. Hai que lembrar que a Rolda Leste tivo un longo periplo dende a súa concepción ata o día de hoxe: construirase grazas a un convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra no ano 2013. No 2014 realizouse a redacción do proxecto e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación foi rescindida posteriormente polo novo goberno da Deputación debido aos defectos da tramitación anterior e a necesidade de modificar o proxecto, así como incluír novos custes do proceso expropiatorio e gastos por traslado de torres de alta e media tensión. Finalmente, modificados todos estes aspectos, sacouse no mes de decembro de 2017 a contratación.

970 metros e dúas novas glorietas

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros. Tamén contará cunha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo que pretende dar resposta aos tránsitos peonís e ciclistas da contorna.

O trazado iniciarase na glorieta existente na PO-542 (Pino-Bora) á altura do antigo establecemento de ‘Muebles Juviol’. A partir de aí a nova vía tomará dirección norleste ata alcanzar a estrada provincial EP-0003, na que se levantará unha nova rotonda. Finalizará nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. O cruce actual modificarase para realizar a nova conexión.

As dúas novas glorietas terán unha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira terá un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da Rolda Leste, será maior e terá un diámetro exterior de 50 metros.

15 de xaneiro de 2018 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.