publicidade hoxe

As cooperativas agrarias galegas recibirán tres millóns de euros grazas ás axudas para a compra de maquinaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Arzúa

Ángeles Vázquez na visita a Arzúa

Un total de 20 cooperativas e agrupacións foron beneficiarias no 2017 das axudas para a adquisición de maquinaria de uso en común que a Consellería do Medio Rural ofrece cada ano para fomentar a utilización de tractores e outro tipo de equipamentos de carácter agrícola de forma conxunta. Unha delas, a cooperativa A Nosa Señora do Perpetuo Socorro de Arzúa, foi a que visitou hoxe en Arzúa a titular deste departamento, a conselleira Ángeles Vázquez.

Alí puido comprobar a utilidade dos seis apeiros adquiridos a través desta orde de axudas que estarán ao servizo de 756 explotacións gandeiras dos concellos de Arzúa, Melide, Touro e Boimorto. “Apostamos por este tipo de subvencións en común porque deste xeito non beneficiamos só a un gandeiro, senón a moitos cun mesmo instrumento”, declarou Ángeles Vázquez, que lembrou ademais que xa está aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano.

Estas axudas contan no 2018 cun orzamento de tres millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Poden optar a elas Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA), as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), así como as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de explotacións con menos de 10 anos de antigüidade. Os beneficiarios verán subvencionada a compra de maquinaria ata nun 35%, que poderá incrementarse ata o 50% se a entidade está nunha zona con limitacións naturais ou procede dunha fusión.

A través destas axudas facilítase a introdución de novas tecnoloxías no campo e a racionalización dos custes de mecanización, ao compartir os gastos. Ademais, grazas a este uso en común, preténdese tamén reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.

Perpetuo Socorro

A cooperativa arzuá recibiu a través desta orde de axudas uns 250.000 euros no 2017, co que sufragou o 50% dos custos dunha sementadora de millo, dun tractor, dun arado, dun carro mesturador, dunha grada de discos e o pago dun estudo técnico previo. Esta maquinaria será utilizada por máis de 700 gandeiros dedicados principalmente á produción de leite. A agrupación integra ademais unha superficie agraria útil de 5.286 hectáreas e unha cabana bovina de 7.560 cabezas.

23 de xaneiro de 2018 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.