publicidade hoxe

As axudas de Medio Rural para reestructuración e reconversión da viña medraron un 48%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de beneficiarios das axudas para reestruturación e reconversión da viña na nosa comunidade, que xestiona a Consellería do Medio Rural. Nesta convocatoria de 2017 foron en total 62 os viticultores aos que se lles concederon as ditas achegas por un importe que en conxunto acada os 726.400 euros. Isto significa que o número de beneficiarios incrementouse nun 17% con respecto á convocatoria anterior. O importe das subvencións medrou tamén nun 48,2%.

A superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de 76,9 hectáreas. Por provincias, a maior parte corresponde a Ourense, con 37 beneficiarios e 38,2 hectáreas. Séguelle Pontevedra, con 30,9 hectáreas e 10 perceptores. En Lugo rexístranse 5,4 hectáreas e 11 beneficiarios e, por último, na Coruña houbo 4 viticultores con achegas para actuar en 2,3 hectáreas.

Por zonas vitícolas, o maior número de beneficiarios corresponden á denominación de orixe Ribeiro (15), seguida de Rías Baixas e Valdeorras (con 12 cada unha), Ribeira Sacra (11), Monterrei (10) e a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Viños da Terra de Betanzos (2).

Os reaxustes estruturais que se levarán a cabo permitirán diminuír os custos de produción nas explotacións vitícolas onde predomina o minifundio, mellorar as técnicas de xestión das viñas e adaptar as explotacións ao mercado a través de melloras varietais. Desta forma preténdese axustar as producións á demanda, ao mesmo tempo que se preservan as variedades viníferas autóctonas de menores rendementos e de elevada calidade diferenciada.

Balance

No período 2000-2017 beneficiáronse destas axudas un total de 9.415 viticultores en toda Galicia. A superficie vitícola financiable ascendeu a 4.252 hectáreas. Destináronse 61,8 millóns de euros a esta finalidade. Estas achegas aplícanse ás superficies destinadas á produción de uva para elaboración de viño nas cales se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñas ou melloras das técnicas de xestión dos cultivos.

9 de xaneiro de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.