publicidade hoxe

Apertura do prazo de inscrición para participar no coworking de Cabana de Bergantiños para novos proxectos empresariais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), impulsa a terceira edición do espazo coworking de Cabana de Bergantiños, onde os emprendedores da Costa da Morte poderán impulsar novos proxectos empresariais. O prazo de inscrición para participar nesta aceleradora, na que xa se impulsaron nesta comarca preto de 40 novos proxectos, está aberto ata o próximo 10 de febreiro.

Os emprendedores que contaron con formación e asesoramento especializado para desenvolver os seus plans de negocio na anterior edición deste espazo coworking apostaron por actividades relacionadas coas TIC e ámbitos como a artesanía, a venda de vehículos, a industria agroalimentaria, o turismo ou o lecer, entre outras.

Ao abeiro deste marco de colaboración, que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores da Costa da Morte seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como, a través do Igape, de instrumentos de apoio como o programa Galicia Rural Emprende –que se vai activar de inmediato– para poñelos en marcha.

O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, neste caso da Costa de Morte, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

No marco desta actuación de aceleración de proxectos empresariais hai, entre outros, espazos de emprendemento en Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celanova e Santiago, ademais de en Cabana de Bergantiños. En cada unha destas sedes comezará en datas próximas a terceira edición, que se desenvolverá durante 5 meses e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Ademais das axudas directas mediante programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, os emprendedores e impulsores de novos proxectos empresariais poden acceder este ano aos préstamos directos habilitados a través da nova liña IFI Emprende ou do Fondo de capital Risco Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Ao abeiro do Programa Galicia Emprende 2017, a Xunta vén de conceder axudas por 2,8 millóns de euros para apoiar 72 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos. Os proxectos aprobados prevén a mobilización de máis de 8 millóns de euros en investimentos que levan asociada a creación e mantemento de 175 postos de traballo.

15 de xaneiro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.