publicidade hoxe

Antonio Yáñez e María Díaz reciben o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurensePortada dereita
A-
A+
Entrega do premio

Entrega do premio

O colexio público “Ben Cho Shey” de Pereiro de Aguiar acolleu hoxe o acto de entrega do XIV Premio de narración e ilustración infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez. O escritor Antonio Yáñez Casal, pola súa obra Do meu nome e outras trapalladas, e a ilustradora María Díaz Serantes recibiron o galardón de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto que contou coa presenza de máis de 200 alumnos do colexio, directivos do centro, profesores e representantes institucionais. Manuel Baltar destacou a importancia deste evento “que une infancia e cultura para que a literatura e os nenos sexan un ano máis os protagonistas deste galardón”, expresou.

O autor e a ilustradora recibiron cadanseu diploma acreditativo, dun premio dotado con 1.500 euros en cada unha das súas modalidades, unha distinción das máis importantes e de maior traxectoria en Galicia nas letras e na ilustración destinada ao ámbito da infancia e a mocidade. O acto contou no apartado musical coa actuación de María do Ceo.

O presidente do goberno provincial felicitou aos galardoados e subliñou que as escritoras Pura e Dora Vázquez, “únense neste acto literario a Ben Cho Shey, no colexio que leva o seu nome”, un Ben Cho Shey cuxa figura literaria e etnográfica impulsará a Deputación de Ourense –dixo- “reeditando o seu libro Santa Marta de Moreiras”. Baltar remarcou a importancia que a institución provincial “da a cultura e á comunicación cos premios que anualmente entrega nestes ámbitos: “Xosé Aurelio Carracedo”, “Blanco Amor de novela longa” e o propio “Pura e Dora Vázquez”, e expresou que “seguiremos a premiar iniciativas que contribúan a prender a nosa cultura e a impulsar a nosa creatividade”.

O escritor Antonio Yáñez agradeceu o premio ao xurado e á Deputación de Ourense “por concederme un premio literario de referencia no país”, e por “seguir defendendo a literatura en galego, da cal cada exemplar que se edita é un tesouro”. María Díaz expresou asemade o seu agradecemento e destacou do proceso creativo das ilustracións “a plena liberdade que sentín ao deseñar as personaxes, coa idea de que nos mirasen desde o papel, nunha realidade, a súa, moi parecida á nosa”.

O xurado destaca da obra galardoada Do meu nome e outras trapalladas “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”, e engade que se trata dun “texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten gran potencialidade para achegarse ao público mozo e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En relación ás ilustracións de María Díaz Serantes, o xurado dixo que “denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas hai unha artista con destacada orixinalidade”.

Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol no ano 1959. Publicou as seguintes obras: Don Cosme e o telegrama amarelo 2004), finalista do Premio Raíña Lupa 2000; Crisóstomo o alifáfaro (2006), finalista do Premio Raíña Lupa 2004; Natasha e Dimitri (2006), finalista do Premio Merlín 2005; Lóbez (2006), Premio Meiga Moira 2006; Viaxe a Libunca (2007), Premio Raíña Lupa 2006; Octavius Augustus (2009), Premio Abrente 2007; Xoa (2010), finalista do Premio Merlín 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento; Vento Galerno ( 2012), finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2011; A complicada vida de Bieito Viqueira (2012), e O detective de Nullarbor, Premio O Barco de Vapor 2013.

María Díaz Serantes naceu en Ferrol no ano 1994. Estudou Ilustración na EASD Pablo Picasso en A Coruña. No ano 2016 Edicións Embora publicou a portada desta ilustradora para A teoría dos contrarios de Pere Tobaruela.

22 de xaneiro de 2018 | 15:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.