publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta promove a cooperación transfronteiriza a través da Eurocidade Chaves-Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaVerín
A-
A+
Cecilia Vázquez na visita á oficina de información xuvenil

Cecilia Vázquez na visita á oficina de información xuvenil

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe a oficina de información xuvenil transfronteiriza Galicia Norte de Portugal e o local de ensaio na sede da Eurocidade Chaves- Verín.

Ambos son recursos enmarcados no proxecto A eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de aproximación de Europa 2020 aos cidadáns, aprobado ao abeiro do programa Interreg VA España Portugal 2014-2020 (POCTEP). O orzamento ascende a 1,77 millóns de euros,
-cunha financiación dun 75% por parte dos fondos Feder-, dos que a Xunta aporta 181.876,81 euros.

A entidade á cabeza do proxecto é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) e como socios figuran a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ), o Concello de Verín e a Cámara Municipal de Chaves.

O principal obxectivo deste proxecto é dar cumprimento, en proximidade, aos obxectivos da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da cooperación transfronteiriza como elemento xerador de crecemento intelixente, inclusivo e sostible, a favor da mellora da calidade de vida dos cidadáns.

A Xunta de Galicia ten un papel activo en dúas das actividades previstas no proxecto: a implementación dunha Europa inclusiva onde os propios cidadáns da zona sexan os construtores da Eurocidade e a promoción dunha Europa intelixente potenciando a innovación, o emprendemento e a internacionalización como pilares do emprego e riqueza.

Cecilia Vázquez sinalou que “baseándonos no noso ámbito de actuación, temos como público obxectivo á xuventude e pretendemos que a Eurocidade se confirme como un espazo transfronteirizo de e para a xuventude, de mellora de coñecemento e convivencia entre os seus mozos e mozas”. “Así continuamos coa dinamización e impulso de dous espazos existentes na sede da Eurocidade: a Oficina de Información Xuvenil Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e o local de ensaio”, proseguiu a titular do departamento autonómico.

A Oficina de Información Xuvenil Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, posta en marcha no ano 2011, actualmente forma parte das redes do resto de oficinas de información xuvenil tanto galegas como portuguesas e ten como obxectivos fundamentais: servir de plataforma para promover e apoiar a mobilidade, a interacción e a colaboración entre os xóvenes galegos e portugueses, contribuíndo así á integración cultural e social da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal; e ser punto de referencia de información e de asesoramento sobre cuestións coma o emprego, o emprendemento, a formación, ocupación do tempo libre, cultura e ocio, asociacionismo ou mobilidade, mentres se reforza a idea de Europa como unha soa comunidade.

Cecilia Vázquez manifestou que “a oficina de Información xuvenil é un punto de encontro dirixido aos mozos e mozas dos dous lados da Raia, no que, ademais de ofrecer información sobre programas e recursos para a xuventude, consolídase a día de hoxe como un espazo da xuventude, no que realizan eventos, talleres e outras accións de forma conxunta”.

Pola súa banda, o local de ensaio preténdese que sexa un punto de encontro da actividade musical da Eurocidade e as zonas limítrofes. Está a disposición de todos aqueles mozos e mozas da zona afeccionados á música, para que poidan ensaiar, de xeito individual ou en grupo, ofrecendo, deste xeito, outra vía para canalizar as accións de promoción e difusión da creatividade musical da xuventude galega.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención engadindo que xunto con estes dous recursos, no marco do proxecto Eurocidade 2020, contando coa participación de todos os socios, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado realizará máis actividades, entre outras, actividades formativas co obxectivo de facilitar o acceso dos mozos e mozas ao mercado laboral e xornadas de xuventude que, cunha periodicidade bienal, abordarán temáticas relevantes para a participación activa dos mozos e mozas na construción da Unión Europea.

23 de xaneiro de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.