publicidade hoxe

A Xunta promove a busca de novas canles de distribución para a artesanía de Galicia na feira nórdica Formex

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico, na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo desde hoxe ata o vindeiro sábado, 20 de xaneiro. Con esta iniciativa, a Xunta busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 42 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos.

A porcelana, o papel, o vidro, as pezas de coiro, as figuras tradicionais feitas con miga de pan combinan coa cerámica, a cestería tradicional e téxtil, a prata, a iluminación e as pezas de cociña de madeira e cubertos na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, un encontro no que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013.

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 5 anos.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas cerámicas de Mar Barral (Catoira); Fani Sánchez Barreiro (A Coruña); Adobe Cerámica (A Coruña); Lanalutum (Lugo); Carlos San Claudio (Vigo); os cubertos de vidro de Polo Enríquez (Cambre); as pezas de cerámica e téxtil de Supervillano (Portonovo); unha peza de Factoría de Androides (Santiago de Compostela); ou os gravados de Xabier de Sousa (Vigo).

Os obradoiros que xa estiveron presentes en edicións anteriores da feira Formex tamén presentarán novas liñas de produto como é o caso do coiro da man do obradoiro Coiraxe (Vigo); Corzo Artesanía (Arzúa); Jatafarta (Santiago de Compostela); Miolos Design (Mourente); 0e Cabuxa (Tui). Inclúense tamén as apostas pola iluminación de Lámparasdecarton (Vigo); os coitelos do obradoiro do ferro Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada); e de MAF Artesanía (Riotorto); ou o téxtil de Artefíos (A Coruña); e o Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas).

A porcelana estará representada por pezas de Verónica Moar (A Coruña); Como Cuando (Vigo); e Víctor Ares (A Coruña). Pola súa banda, a cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Laura Delgado Cerámica (Cambre); Unzueta Cerámica (Brión); Regal Cerámica (Viveiro); Fernando Porto (A Estrada); Mágicos Gagarín (Pazos de Cea); e a recente gañadora da Bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia 2017, Ojea Studio (Vigo).

En canto á olería, están representados os centros de olería tradicional galega de Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober); e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Aparicio e Alfarería Rulo.

No stand comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo); e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga); Artesanía Ferradáns (A Estrada); Atalanta (A Estrada); Cunqueiro (Palas de Rei); e Lorenzo Design (Santiago de Compostela).

Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro de figuras de pan Jorge Bellón de San Andrés de Teixido; as pezas de Degerónimo (Santiago de Compostela) e Nena Ventura (A Coruña); e a prata que está representada polas exquisitas pezas dos gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016, Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela).

A participación de Artesanía de Galicia en Formex enmárcase na folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca contribuír ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía.

17 de xaneiro de 2018 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.