publicidade hoxe

A Xunta pon en valor en Padrón as axudas para a contratación de 800 persoas perceptoras da Risga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+
Covadonga Toca na visita ao Concello de Padrón

Covadonga Toca na visita ao Concello de Padrón

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe o Concello de Padrón, onde mantivo unha xuntanza co alcalde para informarlle sobre as diferentes liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas ás administracións locais. Neste senso, destacou que esta mesma semana sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. A convocatoria sairá publicada no DOG este venres, polo que o prazo de solicitude abrirase o luns 15 de xaneiro e rematará o 12 de febreiro.

A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.

O Goberno galego, doutra banda, destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo.

Esta orde de axudas publicarase no DOG o xoves 11 de xaneiro, polo que as solicitudes poderán realizarse desde o venres 12 de xaneiro e ata o luns 12 de febreiro.

A secretaria xeral de Emprego resaltou que con estas dúas convocatorias de axudas, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo.

O obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego.

As dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, Galicia pechou 2017 con 21.713 afiliados máis que en 2016, a maior subida da última década. O paro baixou o pasado ano nun 10,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico.

9 de xaneiro de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.