publicidade hoxe

A Xunta inicia o desenvolvemento do proxecto europeo ‘Nutriage’ dirixido a mellorar os hábitos alimenticios das persoas maiores

José Manuel Rey Varela na presentación do proxecto Nutriage. Foto: X. Crespo

José Manuel Rey Varela na presentación do proxecto Nutriage. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na xornada de presentación do proxecto Nutriage, iniciativa europea que ten como obxecto principal “asegurar unha madurez saudable e mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través dunha nutrición sa e equilibrada”. O acto, que se desenvolveu no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, contou coa participación das empresas e entidades tanto galegas como portuguesas que participan coa Xunta no desenvolvemento desta proposta que hoxe tivo o seu lanzamento.

O proxecto Nutriage conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros, dos cales o 75% son financiados pola Unión Europea ao abeiro do programa de cooperación interterritorial Interreg V 2014-2020 e no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os socios participantes nesta proposta son, por parte de Galicia: a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, o Clúster Alimentario de Galicia e o Centro Tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. Por parte de Portugal, as entidades implicadas nesta acción son a Universidade Católica Portuguesa de Porto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Portugal Foods e as Casas da Misericordia de Porto e Viana do Castelo.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que o proxecto Nutriage permitirá mellorar a alimentación e menús nas residencias de maiores e centros de día de titularidade autonómica, e que tamén beneficiará aos usuarios do programa Xantar na Casa. “O que procuramos con este proxecto é asegurar aos nosos maiores unha vida saudable e activa tendo en conta un factor determinante como é unha alimentación equilibrada, adaptada ás súas necesidades e fundamentada na dieta atlántica”, apuntou.

Rey Varela sinalou que esta iniciativa enmárcase no feito de que “o reto non pode ser soamente vivir máis anos, senón vivir mellor”. Ao respecto, insistiu en que o que se procura é mellorar os hábitos alimenticios das persoas maiores, previndo deste xeito posibles enfermidades; ademais de incentivar o crecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio para a industria agroalimentaria. Asemade, subliñou do Nutriage que é un proxecto transfronteirizo ao implicar a Galicia e á rexión norte de Portugal, así como o seu carácter innovador e pioneiro ao aglutinar a centros de I+D+i, a empresas e a administración.

Por último, o titular de Política Social indicou que o Goberno galego “aspira a facer de Galicia o mellor lugar para ser maior e para facerse maior”, de aí o impulso ás políticas sociais en materia de dependencia e para o fomento do avellentamento activo a través de diferentes programas que inciden na participación dos maiores en todos os ámbitos: o familiar, o das relacións interxeracionais, o formativo ou o do ocio e o tempo libre.

30 de xaneiro de 2018 | 15:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.