publicidade hoxe

A Xunta destina 126.000 euros ao acondicionamento dun novo aparcamento ao carón da AC-110

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs SomozasLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ao concello das Somozas

Ovidio Rodeiro na visita ao concello das Somozas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello das Somozas, onde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a construír un novo aparcamento na marxe dereita da AC-110, ao seu paso polo núcleo urbano da localidade. Na visita tamén participou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, representantes da empresa construtora e membros da corporación.

Está previsto que os traballos, licitados por algo máis de 126.000 euros, queden rematados a finais do vindeiro mes de febreiro, logo de que o traslado dun poste eléctrico por parte da compañía de subministración provocase un retraso de catro meses. Unha vez superados os atrancos, estase a ampliar a plataforma existente en 4,5 metros acadando un total de 8 metros entre bordes de ambas marxes. Os terreos necesarios para a construción deste estacionamento foron aportados polo Concello das Somozas.

O novo espazo deséñase como aparcamento en batería inversa, que permite a incorporación á estrada con total visibilidade, e proporciona 22 prazas de 2,50 metros de ancho e unha adicional con 4,50 adxacente á beirarrúa, para usuarios con dificultades de accesibilidade. Os traballos completaranse co remate das correspondentes beirarrúas.

O delegado territorial agradeceu ao alcalde, e por extensión a todos os veciños, “a paciencia pola espera”. “As veces as cousas non van tan rápido como sería de desexar, pero o importante é que xa está encamiñada esta actuación, que redundará tanto na comodidade como na seguridade viaria dos veciños”, manifestou.

25 de xaneiro de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.