publicidade hoxe

A Xunta conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural cun amplo programa de máis de 300 actividades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dando cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, está a preparar un amplo programa de máis de 300 actividades co que se conmemorará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Así o anunciou hoxe o conselleiro, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que sinalou o patrimonio como unha herdanza do pasado e un recurso do futuro, como elemento dinamizador da economía e que xera miles de empregos en Galicia. Así mesmo, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego explicou que esta conmemoración, que tamén celebran outros países e rexións europeas, é unha oportunidade para poñer en valor e difundir o rico patrimonio cultural da nosa comunidade.

Baixo o lema Somos patrimonio, a programación dedicará cada un dos meses do 2018 a un aspecto concreto do patrimonio. Deste xeito, xaneiro céntrase no patrimonio documental e bibliográfico, febreiro na Ribeira Sacra, marzo no patrimonio catedralicio e monástico, abril na candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, maio na arqueoloxía e xuño nos Camiños de Santiago. Xullo será o mes da cultura popular, agosto o do patrimonio artístico, setembro dedicarase a afondar na relación entre patrimonio e xuventude e outubro a explorar a fusión entre patrimonio cultural e dixital, centrándose no patrimonio dixital. Así mesmo, e coincidindo co Mes da Ciencia en Galego, novembro será o mes do patrimonio científico e tecnolóxico; mentres que decembro estará dedicado ao patrimonio na escola, afondado na importancia de difundir o valor do legado dos nosos ancestros entre os máis novos.

Patrimonio da Humanidade

Entre os fitos de relevancia deste 2018 neste eido o conselleiro quixo salientar as accións de promoción, posta en valor e coñecemento das candidaturas a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacara e das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas. Así mesmo, proporase o baile tradicional galego como ben de interese cultural, difundirase o valor da toponimia –a través de programas como Toponimízate- e promocionaranse bens inmateriais como a Carpintería de Ribeira.

Segundo explicou o conselleiro, as actividades que se desenvolverán teñen como obxectivo estender entre a sociedade o compromiso conxunto da protección e transmisión desta herdanza. A primeira das citas desenvolverase este mes (do Patrimonio Documental e Bibliográfico) coa conmemoración do Día da Ilustración, que este ano se lle dedica ao pintor e ilustrador Camilo Díaz Baliño, e que se celebrará na Biblioteca de Galicia coa organización dunha exposición de máis de 50 pezas.

Programación viva e diversa

Ao longo de todo o ano organizaranse actos divulgativos, xornadas de portas abertas nos museos e arquivos, obradoiros, exposicións e seminarios; que se combinarán con citas xa consolidadas no calendario cultural galego como son os ciclos Monumenta e Espazos Sonoros. Así mesmo, está previsto desenvolve a mediados de ano un gran Encontro da Cultura popular galega no complexo do Gaiás, e achegar á cidadanía a proxecto como Galiciana –Biblioteca Dixital de Galicia- ou GEOARPAD –para o mapeo arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal-.

No ámbito educativo, entregarase material didáctico nas escolas, desenvolverase formación para o profesorado a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e programaranse actividades nas materias de libre configuración vencelladas co patrimonio. Asemade, organizaranse actividades para a difusión do patrimonio científico e tecnolóxico en colaboración coas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

En calquera caso, trátase dunha programación de actividades viva e diversa que se irá enriquecendo co fin de acadar ao máximo os seus obxectivos, tanto no referido ao propio patrimonio galego como á sensibilización sobre a historia e valores comúns europeos.

23 de xaneiro de 2018 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.