publicidade hoxe

A Xunta aposta polo benestar das persoas con síndrome de Down e alzhéimer en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Fabiola García na visita ás instalacións de Down Lugo

Fabiola García na visita ás instalacións de Down Lugo

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, realizou hoxe sendas visitas a Down Lugo e ao centro de día de alzhéimer que xestiona Afalu na mesma cidade. En ambas as instalacións, a titular do departamento autonómico fixo fincapé en que a atención ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade é unha prioridade para a Xunta de Galicia, que este ano destina 414 millóns de euros a esta área (29 millóns máis que o ano pasado).

García realizou un percorrido polas instalacións de Down Lugo, nas que se traballa no desenvolvemento persoal dos usuarios. Alí destacou que a administración autonómica mantén un contrato coa entidade que ten por obxecto a prestación dos servizos de prevención da dependencia e promoción da autonomía, de adestramento de habilidades persoais e sociais, logopedia e formación prelaboral para o que destina máis de 14.500 euros. Así mesmo, a Consellería e Down Galicia subscribiron un convenio de colaboración para o 2018 para o financiamento de programas destinados ás persoas con discapacidade intelectual, con síndrome de Down e en situación de dependencia e para o mantemento da federación, para o que o departamento autonómico destina 469.180 euros.

Posteriormente, a directora xeral desprazouse ao centro de día de alzhéimer de Lugo, de titularidade pública e xestionado por Afalu, que ofrece diversos programas para garantir o benestar dos usuarios entre os que se atopan o de intervención terapéutica, o de mantemento da saúde, ou o de intervención coas familias entre outros. A finalidade é ofrecer o máximo desenvolvemento da súa autonomía contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias, ofrecendo de xeito transversal un servizo de respiro familiar para os coidadores das persoas afectadas por esta enfermidade. Co obxectivo de seguir mantendo este nivel de atención, a Xunta mantén 40 prazas públicas no centro, nas que no 2018 inviste máis de 260.000 euros. Así mesmo, a administración autonómica achega máis de 54.000 euros para o transporte dos usuarios ao centro.

No transcurso das visitas, Fabiola García fixo referencia ao esforzo que está a facer o Goberno galego por mellorar o sistema de atención á dependencia e beneficiar a un maior número de usuarios. De feito, a cifra de persoas dependentes atendidas nos últimos anos pasou de 15.000 en 2009 a máis de 54.300 na actualidade.

15 de xaneiro de 2018 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.