publicidade hoxe

A Xunta acada en dous anos o 50% do obxectivo marcado para 2023 respecto á incorporación de mozos no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSilleda
A-
A+
Ángeles Vázquez na inauguración da xornada

Ángeles Vázquez na inauguración da xornada

A Consellería do Medio Rural ten acadado en só dous anos a metade de incorporacións de mozos ao agro do total previsto polo Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para 2023. Se o PDR tiña por obxectivo que 2.200 persoas novas se incorporasen a unha explotación unha vez finalizado o programa, Galicia conseguiu entre 2016 e 2017 chegar aos 1.100 mozos, é dicir, o 50% do obxectivo está acadado a seis anos de que remate o prazo.

Isto é así grazas ás axudas que xestiona esta consellería e a través das cales neste bienio investíronse preto de 40 millóns de euros (cofinanciados nun 75% polo Feader) co obxectivo de garantir a remuda xeracional no rural galego. Estes datos foron facilitados pola conselleira Ángeles Vázquez nunha xornada de formación dedicada precisamente aos mozos que recibiron estas subvencións no último exercicio.

“Que 466 mozos decidiran facer a súa aposta de vida no rural merecía un lugar destacado na miña axenda”, declarou a titular de Medio Rural durante a súa intervención, e sinalou que precisamente “reactivar o rural de Galicia” é un dos retos da Consellería.

Ángeles Vázquez profundizou tamén nos perfís dos investimentos desta última convocatoria de axudas. Así, indicou que o 32% das solicitudes están orientadas ao lácteo e o 26% ao vacún de carne. O resto divídese en ámbitos moi diferentes, dende o sector avícola e porcino, aos enxames, as patacas e cereais, ao viñedo, produtos da horta, etc. “Isto é así porque o noso rural ofrece un amplo e variado abano de posibilidades a todos aqueles que sexan quen de apostar por el”, declarou Ángeles Vázquez.

Xornada divulgativa

Máis dun centenar de mozos receptores destas axudas acudiron á Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, para prepararse para a súa profesión. A través desta xornada divulgativa se lles explica aos novos agricultores e gandeiros cuestións de interese para o desenvolvemento da súa actividade dende diferentes ámbitos como a tributación e fiscalidade, os seguros agrarios e as axudas que teñen á súa disposición entre outros.

Ademais, os beneficiarios destas subvencións están obrigados a recibir formación oficial correspondente coa orientación produtiva solicitada, salvo no caso de que teñan convalidados os seus estudos co curso de incorporación. Isto é así para acadar un agro máis moderno e competitivo. Este tipo de formación é ofertada pola propia Consellería do Medio Rural a través de cursos presenciais e, dende fai un ano, tamén de carácter telemático.

29 de xaneiro de 2018 | 15:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.