publicidade hoxe

A Real Filharmonía ofrece dous concertos baixo a batuta de Paul Daniel esta semana

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o xoves 1 de febreiro na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. O venres, a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación, tamén ás 20:30 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación.

O mestre Paul Daniel, director titular da RFG, será o encargado de levar a batuta en ambos os concertos. O programa do concerto comezará co Preludio de Parsifal, do compositor romántico Richard Wagner (1813-1883). Esta obertura rompe coa regra organizativa habitual das óperas do século XIX e xa nos primeiros compases aparece esa sensación de redención e transcendencia espiritual, condensando o contexto místico que percorre a obra. O propio compositor describiu a música do Preludio como expresiva da terna Amor, Fe e Esperanza.

A orquestra tocará ademais a Sinfonía nº 4 de Alexander Scriabin (1872-1915), coñecida como “Poema da éxtase”. A obra, adaptada para esta ocasión polo compositor galego Joam Trillo, fusiona conceptos espirituais e sensuais.

Unha homenaxe ao mar

A continuación, o público terá a oportunidade de gozar coa Obertura de O holandés errante, de Wagner. É unha tormentosa e suxestiva paisaxe mariña en forma de poema sinfónico.

Os concertos concluirán con La mer, de Claude Debussy (1862-1918), adaptada para a Real Filharmonía de Galicia polo británico Iain Farrington, pianista, organista, arranxista e compositor; transmitindo eficazmente a partitura orixinal sen perdas de cor, con detalles ocultos que se fan máis evidentes.

Debussy coñeceu o mar aos seis anos nunha viaxe familiar a Cannes que lembraría sempre, e a súa paixón influíu na súa música ata tal punto que en 1916, gravemente enfermo, expresa a súa nostalxia do mar, seguro de que podería axudalo na súa recuperación. De todas as músicas de concerto que se refiren ao mar, seguramente esta é a máis destacada pola súa forza expresiva.

As adaptacións para diferentes espazos e tamaños orquestrais foi unha práctica habitual de grandes e recoñecidos compositores nas súas propias pezas para poder chegar a todos os públicos sen modificar a esencia inicial das obras. Segundo Iain Farrington, La mer é unha das grandes obras orquestrais que evoca as cores e sons do mar a través de novos efectos harmónicos e instrumentais.

Charla previa co director Paul Daniel

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

29 de xaneiro de 2018 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.