publicidade hoxe

A exposición pública a nova vía de acceso a Monte Porreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe de xeito oficial a aprobación inicial do proxecto da nova vía de acceso a Monte Porreiro promovida pola Deputación e o Concello de Pontevedra, a declaración da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras, así como a información pública do proxecto e do expediente de expropiación.

O BOPPO recolle a relación de propietarios e bens a expropiar e abre o trámite de exposición ao público por un período de quince días hábiles para que as persoas interesadas poidan facer as consideracións que estimen oportunas. No caso de non producirse estas, o proxecto e as expropiacións aprobaranse definitivamente de forma automática.

O expediente de expropiación poderase consultar nas dependencias do Servizo de Mobilidade da Deputación Provincial de Pontevedra. Segundo o pr0xecto, a liña de expropiación situouse a tres metros da liña exterior da explanación da nova estrada, salvo na marxe esquerda da rúa Regueiriña, onde a necesidade de terreos se axusta aos peches de fincas e elementos singulares. En total, a expropiación afecta a 7.976 metros, dos que son de solo rústico 4.726 metros cadrados e 3.253 corresponden a solo urbano. Da superficie a expropiar 367 metros cadrados corresponden a terreos públicos, do Concello de Pontevedra e de ADIF, que non foron tidos en conta para a valoración económica.

Entre os elementos valorados para a taxación tivéronse en conta, ademais dos propios solares, as árbores madeirables, as árbores froiteiras, as cepas e postas de viña e as árbores ornamentais; os peches de bloques, perpiaño, pedra, formigón ou metálicos; os postes de pedra ou cemento; e os aramados metálicos ou servidumes. Os terreos expropiables van dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios.

18 de xaneiro de 2018 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.